O Bloque Nacionalista Galego reclama en Vigo a mellora das conexións e o servizo ferroviario para a cidade e a súa área de influencia a través do aumento das frecuencias, horarios adaptados e unha política tarifaria atractiva. A frente nacionalista estabelece as accións a desenvolver polas diferentes administracións para a promoción e a mellora deste medio de transporte destacando a implantación do servizo de cercanías ferroviarias – que inclúan conexións polo sur con Tui e polo norte con Pontevedra-, a posta en marcha antes de 2030 da saída sur da alta velocidade para conectar Vigo coa cidade de Porto, así como mellorar e ampliar a conexión ferroviaria da terminal portuaria de Vigo e conectar coa PLISAN. A nivel municipal, o BNG aposta por mellorar a intermodalidade na cidade a través da posta en marcha de lanzadeira regulares entre as dúas estacións de ferrocarril da cidade, promovendo tamén a instalación de aparcamentos asumíbeis.
Vigo é un exemplo claro do déficit histórico que sofre á Galiza en materia de infraestruturas, sobre todo ferroviarias. No actual contexto de emerxencia climática e atendendo o aumento das necesidades de mobilidade, a frente nacionalista sinala o ferrocarril como a modalidade de transporte do futuro: “máis eficaz, eficiente e sustentábel”. Para esta aposta de futuro, explica a organización nacionalista, é preciso que o Goberno do Estado estabeleza os recursos necesarios para implantar novos servizos e modernizar os existentes.
“Frente á falta de compromisos dos sucesivos gobernos españois reclamamos a implantación dos servizos de cercanías ferroviarias, inexistentes a día de hoxe na Galiza, para a cidade de Vigo e a súa área de influencia, incuíndo a conexión polo sur con Tui e polo norte con Pontevedra” demanda o deputado do BNG. Neste sentido, Néstor Rego lembra as diversas iniciativas rexistradas pola organización nacionalista no Congreso, así como emendas aos Orzamentos do Estado, para a implantación deste tipo de servizos. “Por desgraza, os partidos que compoñen o Goberno rexeitaron as nosas iniciativas, a pesar de que a área metropolitana de Vigo ten máis de 500 mil habitantes e existen outras cidades do Estado que, con tan só 270 mil habitantes, gozan deste servizo” critica Rego.
Outra das cuestións pendentes, engade o deputado do BNG, é a conexión ferroviaria da terminal portuaria coa PLISAN, así como adoptar as medidas que foren precisas para a mellor organización e funcionamento dos servizos ferroviarios da estación Vialia-Vigo.
Por outra parte, o deputado do BNG no Congreso exixe o compromiso do Goberno do Estado para acelerar os traballos para acometer a saída sur de alta velocidade que conecte Vigo e a cidade lusa de Porto. “O Goberno portugués xa adiantou que o seu tramo, pendente de construír, estaría listo antes de 2030. Pola contra, o Goberno do Estado, que apenas ten pendente de construír 30 quilómetros, non semella comprometerse co proxecto” asevera. Neste contexto, mentres a nova liña de alta velocidade non estea operativa, “o BNG demandamos acometer melloras nas prestacións da actual liña ferroviaria Vigo-Porto, como a posta en funcionamento de trens eléctricos en substitución dos actuais a diésel, ampliar o número de servizos e reducir o prezo do billete”.
Alén da importancia de conexións estratéxicas con Portugal e a implantación do servizo de cercanías na área metropolitana de Vigo, a frente nacionalista tamén demanda a mellora substancial dos servizos de media distancia ante as disfuncións que presenta. “O Goberno do Estado debe mellorar de maneira substancial a conexión ferroviaria de Media Distancia da cidade de Vigo, aumentando as frecuencias, completando as conexións directas con todas as cidades galegas e adecuando os horarios ás necesidades da poboación” reivindica Rego.
“A oferta do operador ferroviario deixa a cidade con menos conexións das que se precisan para satisfacer a demanda. Un exemplo é que o último servizo da liña Vigo-A Coruña é ás 21.35h, cando na meirande parte das cidades cunha densidade poboacional parella á de Vigo os servizos rematan a partir das 23h” explica o candidato do BNG á alcaldía de Vigo. Igrexas engade tamén a falta de aplicación efectiva do Plan de Mellora de Puntualidade por parte de Renfe e Adif, mantendo un cómputo falseado dos atrasos e das horas de chegada.
Alén das mellorar da conexión do Eixo Atlántico, subliña a frente nacionalista, é urxente unha mellora da conexión ferroviaria entre Vigo e Ourense, xa que ten o tendido ferroviario desde hai moitos anos, entre outras cuestións para mellorar a conexión ferroviaria en Vigo e no conxunto da Galiza
Aposta e desenvolvemento da intermodalidade en Vigo
“O Goberno municipal debe colaborar na promoción deste tipo de servizos ferroviarios, apostando por mellorar a conexión por bus urbanos das dúas estacións de ferrocarril da cidade e estudar a posta en marcha dunha lanzadeira regular entre ambas” explica o candidato do BNG á alcaldía de Vigo. En opinión de Xabier P. Igrexas, a coexistencia de dúas estacións de tren na cidade, Guixar e Urzaiz, precisa dunha mellor conexión por bus urbano entre ambas, nomeadamente na perspectiva de que Guixar poida asumir no futuro os servizos ferroviarios de proximidade, para o que cómpre aumentar os servizos actuais e estudar a posíbel implantación dunha liña lanzadeira que as conecte de maneira coordinada coas frecuencias dos trens.
Así mesmo, defende a promoción e instalacións de aparcamentos nas inmediacións das estacións de ferrocarril “co obxectivo de que máis persoas poidan empregar este medio de transporte do futuro, en detrimento do vehículo privado, para as viaxes recorrentes”.