O deputado do BNG denuncia a inclusión dos gases licuados na rebaixa do IVE a 5% e reclama unha rectificación por entender que esa exclusión na medida aprobada polo Goberno prexudica as clases populares que se ven obrigadas a utilizar butano porque non existe canalización de gas cidade, sobre todo en zonas periurbanas ou rurais. Esta proposta do BNG axudaría a rebaixar até 17€ o prezo da bombona, actualmente en 19,55 despois do tope do prezo aprobado o 25 de xuño. Así mesmo, exixe unha posición clara do Goberno ante a posíbel recentralización dos impostos, tras as declaracións do ministro Escrivá, e desenvolver unha política fiscal máis xusta e redistributiva.
Sobre o decreto aprobado onte en Consello de ministros en que baixa o IVE a 5% do gas, Rego explica que esta medida só afecta ao gas natural. “Non ten xustificación que se exclúan os gases licuados -butano e propano- sobre todo cando estamos a falar de que quen máis usa o butano son as clases populares, especialmente naquelas zonas periurbanas ou rurais onde non existe canalización de gas cidade” explica o deputado do BNG.
De facto, esta medida prexudicaría a aquelas clases sociais que teñen máis dificultades para facer fronte ás facturas do gas. No decreto do 25 de xuño, validado no Congreso, estabelécese un tope de 19,55€ ao prezo da bombona de butano, pero este tope é provisional, até finais de ano, ademais de que será compensado e pago por todas as persoas usuarias. “Baixar a 5% o IVE do gas butano permitiría baixar o prezo da bombona até 17€ que, sen dúbida, sería unha boa noticia para todas as persoas que necesitan utilizar este tipo de gas. Pedimos ao Goberno que rectifique e inclúa a rebaixa do IVE tamén nos gases licuados” defende Rego.
Esta baixada do IVE do gas “é unha medida positiva pero insuficiente” xa que, explica o deputado do BNG, se base en poñer parches no canto de levar a cabo medidas reais que solucionen o problema. “Continuamos reclamando que se poña un tope ao prezo dos carburantes, tamén da electricidade, á conta dos beneficios das grandes empresas enerxéticas e non repercutíndoo despois ás persoas consumidoras. É o que debería facer un Goberno que se define como progresista” sentenza.
En contra do dumping fiscal
En relación coas declaracións de Escrivá sobre a harmonización dos impostos, o deputado do BNG entende que, a pesar de que o ministro fose desautorizado por outro membro do Goberno, “non nos sorprendería que finalmente fose adiante esta medida, dentro desa dinámica de centralización permanente”. Así mesmo, explica a posición en contra do BNG con respecto ao dumping fiscal que realizan Comunidades Autónomas como a de Madrid ou, recentemente, a Junta de Andalucía, especialmente en impostos como o de Patrimonio.
Mais, ao mesmo tempo denuncia a falacia de que a “harmonización” aseguraría maior xustiza fiscal, para empezar porque “este Goberno non está a cumprir co compromiso dunha reforma tributaria para que exista unha fiscalidade máis xusta e distributiva” lembra Rego. E, en segundo lugar, porque a centralización facilitaría que un hipotético futuro goberno da dereita –“e traballaremos para que iso non suceda”-a aproveitase para unha fiscalidade aínda máis antisocial e inxusta.
En opinión do deputado do BNG, o que hai que facer é traballar para que neses territorios existan gobernos que permitan facer unha política fiscal máis xusta e redistributiva “tal e como estamos a facer na Galiza para ter un goberno encabezado polo BNG”. Neste sentido, Rego reclama a plena capacidade fiscal de Galiza, non só para recadar todos os impostos, senón tamén para regular e lexislar.
“O BNG exixe unha clara posición do Goberno en contra desta postura recentralizadora de Escrivá, así como unha rectificación das políticas regresivas en materia de pensións” conclúe Rego.