BNG exixe aplicar o IVE superreducido de 4% aos produtos pesqueiros

Néstor Rego
Néstor Rego

A resolución do Parlamento Europeo e a reforma da directiva anunciada pola Comisión abre a porta a baixar o IVE dos alimentos básicos, como é o peixe, e mesmo chegar a un tipo impositivo de 0%

“Aumentaría a demanda dun alimento básico e esencial nunha dieta equilibrada e contribuiría ao desenvolvemento económico das zonas altamente dependentes da pesca como a Galiza” apunta Rego

A formación nacionalista rexistra novas iniciativas no Congreso para que o Goberno do Estado aplique en produtos pesqueiros o IVE do tipo superreducido de 4%, após saír á luz as recomendacións da Unión Europea de aplicar esta rebaixa. Esta medida, reclamada polo BNG, recollendo as demandas do conxunto do sector pesqueiro, contribuiría ao aumento de consumo de peixe e marisco- o que favorecería a que as consumidoras tivesen unha dieta máis equilibrada- e facilitaría un maior desenvolvemento económico de zonas altamente dependentes da pesca, como a Galiza.

“O peixe é un alimento básico e esencial nunha dieta equilibrada. Esta afirmación está apoiada por organizacións de saúde e nutrición internacionais como a OMS ou a propia FAO” lembra o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, polo que debe promoverse e facilitarse o seu consumo. Para lograr ese obxectivo, de facer máis accesíbel para a poboación a adquisición de produtos pesqueiros, a organización nacionalista xa rexistraba en abril de 2021 iniciativas reclamando ao Goberno do Estado a rebaixa do IVE de 10 a 4% os produtos pesqueiros “tal e como demandaban tamén as patronais e as asociacións do sector da pesca e a acuicultura”.

No conxunto da Unión Europea, a meirande parte dos países teñen xa un IVE máis baixo que no Estado español. “En Francia aplícaselles un tipo do 5,5%; en Luxemburgo do 3%; en  Chipre, Hungría e Polonia do 5%; en Bélxica e Portugal do 6%; e en Alemaña aplícase, agora mesmo, un 7%, aínda que o Goberno xa anunciou que o reducirá proximamente” destaca o deputado nacionalista. Noutros países, por exemplo Irlanda ou Malta, exclúen directamente a aplicación do tipo impositivo a estes produtos.

“Todos os datos expostos deberían ser xa suficientes para xustificar a aplicación do IVE  superreducido de 4% aos produtos pesqueiros e así fomentar un maior consumo entre a poboación” enfatiza Rego. Mais, a estes argumentos súmaselle a recomendación da Unión Europea de implantar este tipo de rebaixas. Na Resolución do Parlamento Europeo sobre a estratexia «da Granxa á Mesa» para un sistema alimentario xusto, saudábel e respectuoso co medio ambiente.

Na resolución número 101 desta Resolución dise que “os prezos dos alimentos deben servir para enviar un sinal adecuado aos consumidores; considera que estabelecer uns prezos reais dos alimentos, que tamén reflictan o verdadeiro custo de produción para o medio ambiente e a sociedade, é a maneira máis eficaz de lograr sistemas alimentarios sostíbeis e equitativos a longo prazo”. Así mesmo, o documento móstrase a favor dunha maior flexibilidade á hora de estabelecer diferentes tipos de IVE para os alimentos que teñen distintos efectos sobre a saúde e o medio ambiente, e permitirlles elixir un tipo nulo de IVE para os alimentos saudábeis e sostíbeis.

Neste mesmo sentido o Comisario de Economía, Gentiloni, declarou que a nova directiva permitirá aos Estados membros aplicar estes tipos reducidos, podendo chegar a un tipo de IVE de 0% para “aqueles produtos que cobren necesidades básicas, como son os produtos alimenticios, aínda que a decisión quedará en mans de cada Estado membro”.

“Esta reforma foi anunciada por parte da Comisión Europea para a primavera de 2022 polo que a partir desa data os Estados terán a posibilidade de aplicar o IVE superreducido a produtos como o peixe e o Goberno do Estado español xa non poderá seguir utilizando como argumento para negar esa baixada a regulación europea como viña facendo até o momento” subliña o deputado nacionalista.

En definitiva, a baixada do IVE aos produtos pesqueiros serviría “para favorecer a introdución de máis peixe na dieta, hábito saudábel que axudaría ademais a reducir a factura sanitaria derivada das múltiples enfermidades que se relacionan cunha mala alimentación”, ao mesmo tempo que o aumento das vendas axudaría á recuperación dun sector central na economía da Galiza como é o pesqueiro.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG