O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas na cámara baixa para coñecer o estado actual da normativa que está a elaborar o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e que vai a afectar á regulación das nasas no mar. Rego demanda a rectificación inmediata da proposta do executivo estatal por invadir competencias titularidade da Xunta da Galiza e ante a preocupación do sector pesqueiro galego pola prohibición de deixar as nasas caladas no mar. A organización nacionalista volve sinalar a necesidade de que se transfiran a totalidade das competencias en materia de costas á Administración galega, tal e como vén de aprobar o Consello de Ministro para o Goberno canario.
O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación pretende estabelecer a prohibición de deixar caladas no mar as nasas e outras artes de pesca no Real Decreto polo que se regulará a pesca en caladoiros estatais. Esta noticia puxo en alerta ao sector pesqueiro galego e ao conxunto das confrarías xa que a normativa podería pretender que os pescadores retiren do mar as nasas que utilizan na campaña de captura do polbo durante dous días cada semana.
“A pretensión do Ministerio supón unha flagrante intromisión nas competencias da Xunta da Galiza que é a que exerce as responsabilidades en materia de marisqueo e acuicultura” sinala o deputado do BNG. De facto, as competencias en augas interiores pertencen ao Goberno autonómico que, na súa lexislación, permite deixar as nasas no mar o tempo que duran as campañas. Cabe destacar que existe un compoñente de prevención de riscos na normativa galega ao permitir deixalas caladas no mar, debido a que nas lanchas aumentan o seu peso e en días de mal tempo contribúen á inestabilidade das barcas. “Por iso é polo que se autoriza a deixalas caladas toda a semana” xustifica Rego.
Ante esta situación, a organización nacionalista presentou iniciativas para que o Goberno do Estado rectifique esta proposta e informe sobre o estado en que se atopa a tramitación do Real Decreto, así como o número de alegacións e suxestións presentadas durante o tempo de exposición pública, a destacar, as procedentes da Galiza e o tipo de alegacións presentadas. “Este Goberno tennos acostumados a presentar normativas recentralizadoras mais debe rectificar a súa política invasora e respectar as competencias propias da Galiza, tal e como é o caso” afirma o deputado nacionalista.
Alén do máis, Rego volve incidir, máis unha vez, na necesidade de transferir todas as competencias en materia de costas, “tanto as normativas para aprobar unha lei galega de protección do litoral adaptada á realidade galega como as de intervención, xestión e regulación”. Puidemos ver a actitude do Goberno coa Lei de Cambio Climático que, no seu artigo 20, pon en risco a continuidade do sector mar industria galego por intentar lexislar desde Madrid “realidades moi diferentes” como é o caso do litoral mediterráneo e, por outra banda, a costa galega.
“Precisamos gobernar nós o noso e adaptar a lexislación ás necesidades e singularidades propias da economía e a xeografía galega” salienta Rego. “Deberemos atender tamén neste novo curso político, a outras normas emanadas sen consenso do Goberno estatal que limitan a nosa capacidade de autogoberno, como a reforma do Regulamento de Costas que cambiou os criterios para a delimitación do dominio público marítimo terrestre, xa aprobado no mes de agosto, ou o Plan de Protección da Costa que está redactando o Ministerio de Transición” subliña finalmente Rego, “o BNG seguirá a traballar para que se respecten as competencias e realidade diferenciada da Galiza”.