O BNG denuncia a falta de previsión por parte do SERGAS e esíxelle a cobertura inmediata do médico no Centro de Saúde do Concello da Teixeira. A deputada, Noa Presas, afirmou que non permitirá que “isto sexa a antesala doutro recorte máis á sanidade pública” e pídelle ao Partido Popular “seriedade” e que “non abandone o rural ourensá”.
“Que hoxe non estea confirmado que outro persoal substituirá a esta persoa toda a xornada é un feito grave” sinalou Presas. Continuou expondo que “con independencia de que este médico queira pedir unha comisión de servizos para voltar á Teixeira, ten que garantirse unha atención adecuada e non a substitución por unhas poucas horas ao día por parte do médico de Parada de Sil”.
A parlamentaria do BNG rexistrou preguntas na institución galega co fin de preguntar pola situación na que se atopa o Centro de Saúde da Teixeira. Asemade, asegurou que o BNG esixirá a cobertura inmediata da praza médica no concello.
“É unha nova ameaza de recorte do Partido Popular pero a veciñanza da Teixeira non o vai a permitir” apuntou Presas. A deputada sospeita de que o SERGAS teña unha estratexia para suplir esta praza: “a cidadanía precisa unha atención digna in situ sen ter que desprazarse a Castro Caldelas” apuntou.
Orzamentos 2020
Noa Presas lembrou tamén que serían necesarios 142 millóns de euros adicionais para atención primaria nos orzamentos 2020. Como xa adiantaba hai uns días a deputada nacionalista, “o BNG presentará emendas aos orzamentos” neste sentido “para garantir que poboacións como A Teixeira non quedan sen atención” sentenciou Noa Presas.