BNG presentará unha batería de iniciativas no Parlamento galego para esixir explicacións ao Servizo Galego de Saúde “diante da información que vimos de coñecer de denuncias de varias mulleres por abuso sexual” por parte dun médico no centro de saúde de Padrón.
Así o avanza a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, quen reclamará na Cámara unha actuación inmediata do Goberno galego ante uns feitos que cualifica de “gravísimos”. “Consideramos gravísimo que estas mulleres teñan presentado reclamacións diante do Sergas nos anos 2019, 2020 e 2021 e que por parte deste non se teña actuado para protexelas, a elas e a todas as que tiveron que acudir a consulta con este médico neste ou noutros centros sanitarios onde ten traballado”, recrimina.
Para a deputada do Bloque, resulta “inaceptábel esta pasividade” diante dos feitos denunciados que, segundo recalca, supoñen un exercicio de “abuso de poder e violencia de xénero nunha situación de tanta vulnerabilidade como é a atención sanitaria”.
Prado recalca que a Xunta ten que explicar “por que non actuou e deixou a estas mulleres desprotexidas” e subliña que as denunciantes “tiveran que acudir ao xulgado buscando amparo”, cando o Sergas “era coñecedor dos feitos dende hai máis de dous anos” a través das reclamacións presentadas.
Por todo isto, a portavoz de Sanidade considera preciso unha actuación inmediata por parte do Goberno de Núñez Feixóo: “saber que pasou coas reclamacións, por que non teñen actuado e como se pode deixar desprotexidas a unhas mulleres diante dunha actuación desta magnitude”, conclúe.