Parlamento Galego

O BNG esíxelle á Xunta a creación dunha empresa pública de enerxía e unha planificación ordenada e participativa do sector eólico en Galiza

Noa Presas
Noa Presas
Noa Presas: “Fixeron perder tempo e recursos económicos a este País cunha lei tan inútil que tiveron que modificala once veces con máis de 50 cambios, o único predicible e seguro é que gobernaron para os intereses das grandes eléctricas.”

O BNG defendeu no Pleno do Parlamento a súa alternativa para o modelo eólico en Galiza, que pasa pola creación dunha empresa pública de enerxía e unha planificación ordenada do sector co obxectivo de que os seus beneficios revertan na economía e no benestar das galegas e galegos fronte “a falta de prazos, concrecións e explicacións” sobre o último anuncio de Alfonso Rueda respecto da creación dunha empresa público-privada para a explotación eólica, sinalou a portavoz de Enerxía, Noa Presas.

“Despois da campaña electoral máis noxenta da historia deste País, despois de abrazarse a Iberdrola na noite electoral, paralizaron un decreto e un concurso que terían revolucionado Galiza”, recriminou a portavoz de Enerxía, Noa Presas, a Francisco Conde, vicepresidente e conselleiro de Industria. “Fixeron perder tempo e recursos económicos a este País cunha lei tan inútil que tiveron que modificala once veces con máis de 50 cambios, o único predicible e seguro é que gobernaron para os intereses das grandes eléctricas”, criticou.

Presas aludiu ao “fracaso” do modelo do PP baseado “nun canon eólico que recadou 2,5 millóns de euros menos do previsto” e que, aos seus ollos, fixo ás galegas e galegos pagar 38 millóns de euros de suplemento territorial na súa factura, “a cifra máis alta de todo o estado, Madrid, que xera cero MW, pagou cero euros”, apostillou. A deputada criticou a orientación do modelo enerxético do PP, que provocou “o peche de industrias como Isowat, Siemens Gamesa ou Vestas” e fai que outras “como Gri Towers ou Ganomagoga están en perigo”, advertiu.

Ademais, fixo referenza ás sentenzas “demoledoras” como a de Sasdónigas, Iribio ou Corme que amosan un modelo do PP “antisocial, sen garantías de participación da sociedade, nin garantías ambientais nin respecto polas súas propias leis”, denunciou nunha intervención na que tamén aproveitou para reprocharlle á bancada popular o “agasallo” de1.600M€ de plans industriais ás empresas, “algunha dunha señora que se sentou con vostede todos os xoves durante 6 anos antes de coller o portalón xiratorio a Greenalia” ironizou, en alusión á ex-conselleira do PP, Beatriz Mato.

Presas defendeu na tribuna o modelo do BNG para o sector eólico “con participación cidadá, cunha empresa pública de enerxía” para que os beneficios da explotación eléctrica en Galiza repercutan nas maiorías sociais do País. Non ocultou o seu “asombro” fronte un Goberno de Rueda “que rexeitou neste Parlamento todas as iniciativas encamiñadas a este fin e agora nos anuncia a creación dunha sociedade onde estaría á Xunta”, sobre a cal o presidente da Xunta “xa non sabe onde meterse, porque non é capaz de explicar que tipo de empresa sería nin que cota de participación tería o goberno galego, tampouco que funcións vai ter”, recriminou a parlamentaria nacionalista.

Neste sentido, impeleu ao PP a “ver o que fan os seus compañeiros de partido en Ourense” xa que o Partido Popular da deputación ourensá votou a favor dunha proposta do BNG “onde se reclamaba a participación pública no negocio eólico”.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG