O BNG esixe á Xunta que non aplique o reintegro dos copagos

Ana Luísa Bouza advirte que as persoas con pensións contributivas serán obrigadas a adiantar o custe de medicamentos a partires do 1 de xuño

A portavoz de Sanidade do BNG, Ana Luísa Bouza, rexistrou varias iniciativas ao fin de interpelar ao Goberno galego sobre a aplicación de sistemas de reintegro nos copagos na prestación farmacéutica gravando as rendas das persoas que perciben pensións contributivas, ate agora exentas, cun sistema de reembolso semestral que obriga á/ao doente a adiantar o custe do total da aportación.

A nacionalista, a través dunha Proposición non de lei esixirá ao Goberno galego a non aplicación desta medida que supón un importante desembolso para os doentes, burocratiza innecesariamente a dispensación, aumenta a disuasión asistencial e supón un gasto extraordinario de elaboración de novos procesos administrativos.

Asemade, a parlamentaria do BNG preguntará ao Executivo as razóns polas que non se informou do sistema que vai ser implantado a máis de 725.000 pensionistas e se existe algún acordo cos Colexios de Farmacia que terán que asumir o papel de explicar ás e aos doentes como deben pagar e como reclamar os reembolsos.

Serán as farmacias as que asuman o papel de explicar aos máis de 725.000 pensionistas como deben pagar e como reclamar os reembolsos das mediciñas

Ana Luísa Bouza tamén interpelará ao Goberno ante as declaracións nos medios de comunicación do Presidente Núñez Feijoo e o seu compromiso de non implantar sistemas de reembolso en Galiza.

A deputada do BNG explica que a Sanidade galega conta coa “e-receita” que permite coñecer o que os e as doentes levan recollido nas oficinas de farmacia da medicación prescrita e polo tanto, “non precisan de sistemas de reembolso de pagos adiantados que superen os topes”.

Bouza agarda o apoio do resto do grupos parlamentarios ao fin de rexeitar esta medida que ao seu xuízo supón “unha taxa á enfermidade”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG