O BNG esixe á Xunta Electoral que redacte en galego as credenciais de edís antes de tomaren posesión

Apela á responsabilidade de que garanta os dereitos lingüísticos na Galiza

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2015.- O Bloque Nacionalista Galego reclamoulle á Xunta Electoral que expida en galego as credenciais de concelleiros e de concelleiras que tomarán posesión o vindeiro 13 de xuño para garantir os seus dereitos lingüísticos como representantes públicos.

O BNG presentou unha queixa formal perante a Xunta Electoral ao comprobar que as credenciais foran expedidas en español e reclamou que se redactasen de urxencia en lingua galega, tendo en conta que os poderes públicos de Galiza deben garantir o uso oficial do galego e potenciar o seu emprego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa.

Lembra o BNG que é responsabilidade de todas as administracións, como poderes públicos, a promoción do uso do galego en todas as instancias e situacións. Sorprende ademais que a administración electoral atente contra os dereitos lingüísticos recoñecidos, ao estar integrada maioritariamente pola administración de xustiza, precisamente polo poder público que debe velar e garantir o cumprimento efectivo das leis e dos dereitos regulados nelas. A maiores, relégase a función de impulsar o uso do galego nos documentos administrativos oficiais, regulado expresamente tanto na Lei de Normalización Lingüística como na Lei de uso do galego polas entidades locais, ademais da responsabilidade social diante da cidadanía.

Deste xeito, a formación nacionalista demándalle á Xunta Electoral un maior compromiso para a normalización lingüística e ínstaa a implicarse máis co desenvolvemento de actuacións no seu ámbito para impulsar e consolidar o uso do idioma propio de Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG