O BNG instou á Xunta a aumentar o número de prazas de matronas na sanidade pública galega para garantir unha atención específica á esfera sexual e reprodutiva das mulleres, o que repercute de modo beneficioso na súa saúde global.
“A evidencia demostra que os coidados levados a cabo por matronas conseguen bos resultados de saúde, con menores taxas de intervencións, menores custos e maior satisfacción para ás mulleres”, destacou a portavoz de Sanidade, Montserrat Prado. Trátase dunha especialidade que non só aborda aspectos reprodutivos das mulleres, senón tamén formación e información afectivo-sexual, asesoramento sobre a saúde menstrual, contracepción, interrupción do embarazo, climaterio ou en violencia de xénero.
Fronte esta necesidade, Prado cualificou o actual número de matronas na saúde pública galega como “palmario”, xa que, argumentou, “a media de matronas por 100.000 habitantes nos países da OCDE é de 69,8. Datos que distan moito da situación actual en Galiza, é unha das Comunidades Autónomas coa rateo matrona/muller máis baixos”. Do 2021 a 2025, de feito, “xubílanse 85 matronas, o número vai ser aínda máis insuficiente”, sinalou.
Galiza, criticou a deputada do BNG, ten de media unha única matrona por cada 9.318 mulleres. Para remediar esta situación “e chegar a un mínimo farían falta arredor de 40 matronas máis para atender a mulleres de entre 15 e 69 anos, o que equivalería a que para atender á totalidade das mulleres 140 matronas máis”, remarcou. De feito, a comunidade tampouco dispón na súa saúde pública de espazos insuficientes para o traballo das matronas tanto nas consultas como para a realización de actividades de educación sexual, reprodutiva e maternal.
O BNG non é o único actor que demanda unha atención especializada ás mulleres na saúde pública, declarou a parlamentaria do Bloque, “a OMS afirma que a saúde das mulleres e nenas está influenciada pola bioloxía relacionada co sexo, o xénero e outros determinantes sociais”, argumentou, polo que detectar e cubrir as necesidades sanitarias da muller é un dereito e un deber dos servizos sanitarios públicos”.
É por isto que a formación nacionalista emprazou ao Goberno do PP a poñer en marcha unha estratexia para garantir unha atención integral á muller na totalidade do seu ciclo reprodutivo e na súa saúde sexual, cun específico enfoque de xénero, a través do reforzo do número de matronas na Atención Primaria; unha dotación adecuada de espazos físicos, materiais e dispositivos telemáticos tanto nas consultas destas profesionais como para realizar as actividades de educación efectivo-sexual, reprodutiva ou maternal e garantir a presenza de matronas en todos os Centros de Orientación Familiar (COF).
Ademais, a proposta do BNG recolle garantir a calidade asistencial no parto mediante a avaliación da prestación, a publicación anual dos resultados, actualización de protocolos, garantir a libre elección de hospital como se establece na Lei de Garantías; a creación do número de unidades de chan pélvico e iniciar “de inmediato”, urxiu Prado, a negociación do réxime xurídico e do sistema retributivo das Matronas de Atención Primaria.