BNG esixe rematar coa precariedade do Hospital Público de Valdeorras e dotalo de orzamento e persoal necesario para atender a demanda sanitaria

María Albert
María Albert
María Albert  lembra que o 28 de novembro Valdeorras saíu a rúa no Barco, de maneira masiva, para reclamar unha atención sanitaria  “digna e pública”

A deputada do BNG, María Albert formulou unha pregunta ao goberno sobre a situación de “precariedade” do Hospital Público de Valdeorras.

Albert denunciou varios casos de pacientes obrigados a  trasladarse dende Valdeorras a Ourense no seu coche privado ante a carencia dunha ambulancia ao que sumou a parálise de investimentos en infraestruturas, “dende hai meses”, así como en equipamento que finalmente rematan no CHOU mentres en Valdeorras continua co antigo.

Na súa intervención fixo referencia a unha pregunta en pleno ao conselleiro de Sanidade sobre a carencia de traumatólogos porque no hospital de Valdeorras, explicou “faltan 22 facultativos e facultativas”, un terzo de “persoal especialista para cubrir a atención sanitaria”.

As prazas, insistiu a nacionalista “non se cobren porque son precarias”, con contratos de curta duración que imposibilitan o acceso a programas de formación. No mes de decembro de 2020, o BNG trouxo ao Parlamento galego o problema da falta de radiólogos e en maio do ano 2022, vostedes están anunciando prazas para esta especialidade. Durante dúas semanas deste mes de abril  só tivemos “dous internistas” no Hospital do Barco de dez que tiñan que estar operativos e  só temos un hematólogo dende o ano 2021. Para a nacionalista, esta situación “non é conxuntural” nin restrinxida a unha determinada especialidade, responde “á deixación da Xunta” coñecedora dunha situación sobre a que non quere tomar medidas.

A parlamentaria remarcou que a precaria situación do hospital público e a comarca incide negativamente na atención aos pacientes pero tamén, dixo, a relación entre pacientes e traballadores mesmo con algún episodio de “violencia física” que nunca acontecera no Barco e coincidindo  co persoal de seguridade  meses sen percibir a súa nómina durante cinco meses mentres o “Sergas miraba para outro lado” ate hai unha semana.

A cidadanía quere ser atendida en condicións e neste momento non é posible por “falta de medios” e a responsabilidade do que está acontecendo en Valdeorras é da “consellería de Sanidade, a Xerencia do Sergas, a xerencia da  Área Sanitaria de Ourense, de Verín e o Barco e da Dirección do distrito de Valdeorras”, aseverou.

A xuízo da deputada do BNG, urxe recuperar a “área sanitaria” que ten capacidade de xestión e orzamento propio e polo tanto “recursos” para mellorar a atención médica.

É necesario cubrir as baixas e as prazas de especialidade no hospital público, adecuar o persoal ás necesidades do servizo, reducir esta “eventualidade crónica”, rematar as obras iniciadas, executar as obras prometidas e un  “investimento específico” para o arranxo dos centros de saúde do distrito que están en  “condicións deficitarias”.

Albert lembrou que hoxe mesmo, ás 12 da maña, tiña lugar unha nova concentración polo  “abandono e desleixo” da Xunta de Galiza que converteu a comarca, no ámbito sanitario  na  “periferia da periferia”

“A Xunta de Persoal do HPV decidiu retomar esas concentracións porque o distrito segue a ter todos os problemas que tiña en novembro pero máis agudizados” porque están sen cubrir as prazas no Hospital Público de Valdeorras dun cardióloga/o,1 uróloga/o 1 médico do traballo,1 dermatóloga/o, 2 rehabilitadoras/es,5 facultativos/as de medicina interna, 2 ciruxanas/áns, 2 traumatólogas/os,1 oncóloga/o,1 anestesista, 2 radiólogas/os, 1 hematóloga/o e 2 xinecólogas/os. En total, “22  prazas de especialistas sen cubrir” sen contar outras carencias gravísimas como a de matronas, que está a xerar problemas de xeito regular nas consultas de solo pélvico e puerperio.

A deputada concluíu a súa intervención denunciando a falta de prazas por cubrir de médicos/as na Atención primaria, as deficiencias do servizo de PAC  en Viana do Bolo, falta de base do 061 e a  mala atención na zona especial de urxencias  A Veiga- O Bolo, sen ambulancia de UCI. 


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG