Parlamento Europeo

Ana Miranda: “Diante da ameaza que supón Trump, a UE ten que defender o sector industrial”

Ana Miranda
Ana Miranda

A eurodeputada do BNG presentou unha pregunta dirixida á CE na que alerta da ameaza que representarían os aranceis para a industria galega

“Como eurodeputada do BNG dirixinme hoxe á Comisión Europea para trasladar a preocupación que existe en Galiza diante da ameaza de aranceis do 25% á industria do metal”, explica Ana Miranda sobre a pregunta que vén de presentar para a súa resposta escrita sobre as intencións manifestadas polo presidente dos USA e que supoñen unha grave ameaza para o sector industrial galego.

Ao seu xuízo, “diante da ameaza comercial que supón Trump, a UE ten que pararse e defender os seus sectores comerciais, o sector da industria, a industria do metal, que é un dos sectores máis importantes dos que depende a economía galega”. Neste sentido menciona a maquinaria agraria, a naval, os motores ou as aeronaves, xa que se trata dun sector que se vería seriamente afectado pola imposición de aranceis ao ser unha “industria claramente exportadora que pode ser unha das principais afectadas da Unión Europea”.

No documento remitido á Comisión Europea Ana Miranda traslada a preocupación sobre o impacto da imposición de aranceis tendo en conta que só Galiza exporta 42,5 millóns de euros da súa industria metalúrxica a EE.UU. en aluminio e aceiro. Fronte a esta ameaza, a eurodeputada do Bloque considera que “temos que estar a defender os intereses do noso sector industrial xa profundamente mermado por moitos embates e moitas reconversións”.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG