A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, reclama a realización da avaliación de impacto ambiental de forma integral dos parques eólicos proxectados na provincia de Ourense (e parte de León) co obxectivo de dar cumprimento a normativa europea e así garantir a protección destas zonas de gran valor próximas á Rede Natura, nas Zonas Especiais de Conservación Ancares-Courel e Macizo Central. “Non podemos consentir o espolio do noso territorio amparado polos gobernos galego e español e por iso denunciamos esta situación aquí, en Madrid e en Bruxelas”, subliña.
En resposta a unha pregunta presentada polo BNG a través da coalición da que forma parte na Eurocámara, a Comisión Europea explica que “todo plan ou proxecto que poida ter un impacto significativo nun sitio da rede Natura 2000 debe someterse a unha avaliación adecuada das súas repercusións para ese sitio, habida conta dos obxectivos de conservación de este”. Ademais, a Comisión sinala que “tal plan ou proxecto só debe autorizarse se a avaliación determina que non causará ningún prexuízo á integridade do lugar e, cando así proceda, despois de recoller a opinión do público”.
“É evidente que a construción dos tres parques proxectados pola compañía norueguesa Statkarft, -Rebordechao, Prada e Barjas- cun total de 450 megavatios e con novas liñas de alta tensión de 220 KV construídas nunha lonxitude de 76 quilómetros, si modificaría o espazo protexido e non se atendeu a participación dos afectados. Que os Gobernos non recapaciten e os admitan é simplemente delirante”, manifesta a portavoz do BNG en Europa. Ao respecto lembra que o de Rebordechao contaría con 28 aeroxeradores que afectarían a Laza, Maceda e Vilar do Barrio, mentres que o eólico de Prada tería 31 aeroxeradores situados na Veiga, Carballeda de Valdeorras e O Barco de Valdeorras. Pola súa banda, o de Barjas estaría ubicado no Bierzo, e contaría con 22 aeroxeradores repartidos en Barjas, Oencia, Trabadelo e Vega de Valcarcede.
Procedementos de recurso
Ana Miranda afirma que o BNG seguirá moi pendente do desenvolvemento deste proceso, ao que o Bloque xa presentou diversas iniciativas contra este espolio dos recursos galegos e a afectación medio ambiental. Neste sentido lembra que a Directiva europea relativa á avaliación do impacto ambiental “contempla procedementos de recurso ante un órgano xurisdicional ou outro órgano independente e imparcial para impugnar a legalidade, en canto ao fondo ou en canto ao procedemento, das omisións, actos ou decisións que se produzan no contexto dun procedemento de avaliación de impacto ambiental”, tal e como indica a Comisión Europea na súa resposta.
“O procedemento de infracción aberto contra o Estado español por parte da Comisión Europea, que evidentemente inclúe Galiza, é unha labazada na xestión do medio ambiente”, apunta Miranda en relación ao procedemento de infracción da CE aberto o ano pasado a respecto da Directiva sobre hábitats pola falta de obxectivos e medidas de conservación axeitados para as zonas especiais de conservación.