Parlamento Galego

O BNG esixe unha lei que regule a participación dos concellos nos ingresos galegos para rematar co clientelismo do PP

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará reclama á Xunta que acabe co “uso indecente e discriminatorio dos fondos públicos” e estableza criterios de distribución obxectivos

O BNG esixiu hoxe á Xunta que “remate xa coas prácticas clientelares e fraudulentas” que está a desenvolver no reparto de fondos públicos aos concellos e que se traducen nun “uso descaradamente indecente, antidemocrático e discriminatorio duns recursos que son de todas e de todos os galegos”.

Así o reclamou esta mañá no Parlamento o deputado Luís Bará, quen demandou neste sentido unha Lei de regulación da participación nos ingresos da Administración galega para o ámbito local, onde se establezan criterios obxectivos de reparto e se contemple a integración das transferencias e subvencións no Fondo de Cooperación Local.

“É escandalosa a cantidade de recursos que se distribúe fóra do Fondo, ou de convocatorias abertas, para darllos a dedo a concellos do PP”, denunciou, para esixir a continuación criterios xustos na distribución de fondos e axudas económicas aos municipios, “con publicidade, concorrencia e igualdade”.

O deputado nacionalista enumerou distintos exemplos do uso que, segundo dixo, o PP fai da Xunta como unha “terminal” propia e entre os que citou o do Plan Hurbe (que nos dous últimos anos ratificou 76 convenios, dos que 75 beneficiaron a concellos do PP) ou o da Consellería de Medio Rural (que só en 2018 asinou 46 convenios, dos que 45 foron con concellos do PP).  

Na súa interpelación, Luís Bará tamén se referiu á asfixia financeira que sofren os concellos por decisións tomadas maioritariamente por gobernos do PP e nesta liña aludiu ao incumprimento por parte da Xunta do pacto local de 2006, á Comisión Galega de Cooperación Local (que estivo sete anos sen reunirse) ou ao Pacto Local da Auga (asinado en 2013 e que posteriormente se presentou como a “Sogama da Auga”).

Así pois, Bará emprazou ao Goberno galego a escoitar as reclamacións da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) –pactadas no seu día con todos os grupos políticos e que tamén incluían a Lei de regulación da participación nos ingresos galegos– e aprobar de igual xeito unha Lei de facendas locais consensuada coa propia Fegamp, así como modificar os criterios de reparto do Fondo de Compensación Ambiental, de maneira que se distribúan integramente entre os concellos.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG