O BNG despregou na alameda de Compostela unha faixa conmemorativa do 50 aniversario da celebración do Día da Patria Galega co lema “Viva Galiza ceibe e socialista”. A candidata á Alcaldía, Goretti Sanmartín Rei, e Saleta Goi, presente naquel momento histórico, acompañadas de militantes e simpatizantes, fixeron un chamado a participar este 25 de xullo na manifestación do BNG “para sumar a todas as persoas que senten que Galiza é unha nación que debe conquistar os seus dereitos”.
“O BNG naceu en 1982 mais vén dunha tradición nacionalista que queremos reivindicar”, explicou Goretti Sanmartín Rei, “vai para 100 anos que a Asemblea Nacionalista acordou conmemorar o Día de Galiza con chamamentos para facer unha festa nacional da nosa patria ese 25 de xullo”. Lembrou tamén as reivindicacións dos anos ’30 cando Castelao facía un chamamento a participar no mitin das Arengas, na praza da Quintana, cun paseo pola Ferradura e despois houbo manifestacións, “algunhas encabezadas por mulleres que tiveron un lugar privilexiado ao estaren implicadas na causa e que traballaron arreo polas reivindicacións nacionais do noso país”, sinalou “con actos que remataron na estatua de Rosalía da alameda de Santiago cantando o himno”. Iso foi interrompido polo levantamento militar até que en 1968 “un grupo de homes e de mulleres decidiron arriscarse nuns anos de feroz represión e de falta de liberdades nun acto de rebeldía para vir á alameda e poñer unha faixa coa lenda ‘Viva Galiza ceibe e socialista’, cando o réxime pretendía evitar calquera mobilización mais conseguiuse ir tomando rúas de Santiago de Compostela e facer, cos anos, que a praza da Quintana sexa o centro neurálxico dese movemento vivo, plural e colectivo que quere reivindicar que Galiza é unha nación e ten os seus dereitos”, indicou.
Para Goretti Sanmartín, “somos herdeiras e herdeiros dese momento e reivindicar a memoria é tamén dar pasos cara ao futuro, hoxe ser nacionalista é ser tan revolucionario, rebelde e transformador como eran daquela as persoas que se xogaron a súa liberdade para colocar esa pancarta e participar naquela actividade do Día da Patria”. Así, fixo un chamamento “para que todas as persoas que queiran unha Galiza mellor, que saiban que o proxecto do BNG é inclusivo, integrador e quere sumar a quen sente que Galiza é unha nación que debe conquistar os seus dereitos”.
Saleta Goi: “A xente nova se quere ter futuro ten que defender este país ou será carne da emigración, ou somos galegos e galegas ou non somos”
Entre esas persoas que participaron naquel acto do Día da Patria de 1968, estaba Saleta Goi, que lembrou que asistiu á misa de Rosalía do 25 de xullo de 1959 cando casou con Manuel María “e desde aí non faltei ningún ano ao Día da Patria”. “Aquel 25 de xullo de 1968 eu estaba diante dos que berraban ‘Viva Galiza ceibe e socialista’, había policía de fóra e ían deter Otero Pedraio, mais finalmente detiveron a Xaime Isla Couto e un médico de Ourense”, explicou. “A nivel político participamos en todo e recordo que se enchera toda Galiza de panfletos con estes eslogans e cando aquí se concentrou a xente tiñan que ter información e houbo unha corrida”, engadiu.
“O nacionalismo evolucionou con dificultades pola opresión que ten enriba, é moi difícil avanzar pero é moi necesario”, afirmou Saleta Goi, “ou temos país ou nos anulan e creo que a xente nova debe pensar iso; se quere ter futuro ten que defender este país ou será carne da emigración, ou somos galegos e galegas ou non somos, eu son así de radical”.