parlamento galego

BNG denuncia que a Xunta oculta “intencionadamente” información sobre as inspeccións e expedientes a residencias de maiores

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil acusa de “conivencia” da Xunta con DomusVi e de vulnerar o dereito dos grupos parlamentarios ao acceso á documentación solicitada

A portavoz do grupo parlamentario do BNG, Olalla Rodil denunciou a negativa da Xunta de Galiza a remitir a información solicitada polo BNG sobre as inspeccións e expedientes abertos ás residencias de maiores. Neste sentido, cualificou de “alarmante e indignante”  a “conivencia entre a Xunta de Galiza e DomusVi” sobre todo, despois de coñecer a vacinación irregular da conselleira delegada e o seu irmán saltando todos os protocolos establecidos polo SERGAS.

Por outra banda, engadiu Rodil, a Xunta impide, de maneira sistemáticas, o acceso aos expedientes iniciados nas residencias de DomusVi. Dende que  comezou a lexislatura, explicou a deputada,  o BNG formulou diferentes peticións   para coñecer  a situación na que se atopan as residencias do  grupo  DomusVi, responsable de  xestionar o 20% das prazas privadas en Galiza.

Hai que lembrar que no primeiro ano da pandemia o 40% das persoas falecidas en Galiza con Covid19 eran usuarias de residencias e que foron, precisamente, as residencias de DomusVi as que rexistraron contaxios masivos e un maior número de falecementos ao longo destes meses. Sen embargo, descoñecemos os datos reais a este respecto porque a Xunta de Galiza “négase tamén a dar os datos desagregados por residencias”.

Para a nacionalista, este proceder evidencia unha clara e intencionada “ocultación” da información e unha vulneración dos dereitos das deputadas e deputados para acceder a información no  seu  labor de control ao goberno”.

Rodil afirmou que nunca poden estar “por riba os intereses de empresas e entidades privadas sobre o dereito democrático de acceso á información e a coñecer o estado no que se atopan os servizos públicos deste país” así como das residencias que atenden a máis de 21 mil persoas.

A nacionalista insistiu en que xa non valen “escusas de mal pagador para intentar xustificar esta ocultación dicindo que son procesos aínda abertos ou xudicializados.”

“É vergonzante” que a documentación remitida sobre a situación das residencias á Comisión de reactivación, sexa reducida a 11 follas que non aportan ninguna información significativa. A Xunta está a impedir ao Parlamento saber cantas empresas foron sancionadas pola falta de calidade da comida, o incumprimento das ratios de persoal de atención directa ás persoas usuarias ou si o trato a residentes é correcto. Neste ámbito, a Xunta está actuando como “parapeto” das empresas privadas que xestionan as prazas das residencias galegas e lembrou que o “80% das prazas son privadas”. A Xunta, recalcou, protexe á conselleira delegada de DomusVi por vacinarse cando non lle tocaba  e protexe a esta e  outras empresas para “agochar” o que realmente esta acontecendo. Rodil tras denunciar “conivencia” entre a Xunta e a multinacional, DomusVi lembrou que tamén se oculta o expediente na residencia Nosa Señora dos Remedios, en Ourense.

A deputada do BNG anunciou que o grupo parlamentario nacionalista reclamará o amparo da Presidencia do parlamento para que vele e defenda os dereitos dos e das deputadas e pediu á Xunta que “ non esconda nada. Que deixe de ocultar información ao BNG e ao Parlamento e que deixe de vetar o acceso á documentación solicitada”.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG