Parlamento Galego

BNG denuncia o uso indebido de fondos da UE que terían que destinarse a apoiar o alumnado con necesidades especiais

Cristina Fernández
Cristina Fernández

A portavoz de Educación, Cristina Fernández, acusa a Xunta de utilizar o Plan Mega para contratar docentes de apoio e reforzo ao alumnado máis vulnerable e darlle “funcións estruturais” dos centros como as titorías

A portavoz de Educación do BNG no Parlamento, Cristina Fernández, denuncia o uso indebido que fai o Goberno do PP de fondos europeos destinados a financiar o Plan Mega e, máis en concreto, aqueles que deberían servir especificamente para dar unha maior e mellor atención ao alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE).

Segundo asegura, a Consellería de Educación recorreu ao programa Promociona, dentro do Mega, para cubrir vacantes ás que asigna funcións ordinarias como as titorías en Infantil e Primaria cando, segundo os criterios dos fondos da UE asignados, deberían ser destinados exclusivamente a contratar docentes de apoio aos nenos nenas que máis o precisan. “Docentes que estarían destinados a impulsar o avance persoal e educativo do alumnado máis vulnerable están a realizar nos centros funcións estruturais e ordinarias”, critica a deputada.

Cristina Fernández refírese especificamente aos 163 contratos ofertados en setembro  dentro do Programa Promociona, destinado a apoio, participación e promoción do alumnado máis vulnerable. Ademais de ser utilizados estes contratos para cubrir prazas de profesorado non especialista son ofertados en condicións precarias, pois son contratos que só duran até o 30 de xuño e o 26 % dos mesmos son só a media xornada, de tan só catro horas cando os centros educativos están pasando por unha gran falta de docentes.

O Proa+ é outro dos programas do Mega destinado a reforzo, orientación e apoio do alumnado con necesidades educativas especiais. Neste caso, a deputada do Bloque denuncia que os seus efectivos veñen de ser asignados “defraudando” a numerosos centros que aínda tiñan esperanzas de conseguir por esta vía o apoio especializado para os alumnos e alumnas máis vulnerables pero que finalmente quedaron sen persoal de Pedagoxía Terapéutica ou Audición e Linguaxe.

“A Xunta reduciu este verán os cadros docentes dos centros educativos e non contratou ao persoal interino que estes tiñan habitualmente. Ante as queixas, a Consellería pediu aos centros que agardasen ata setembro porque habería novas contratacións, e así nace o Plan Mega. Mais os contratos ao amparo deste plan estanse a facer como substitucións, non para todo o curso, e unha cuarta parte deles a media xornada. Ademais, como os centros teñen carencias de persoal, a moitos destes contratados esíxelle que fagan funcións ordinarias, como titorías, en lugar dos apoios e reforzos que precisa o alumnado máis vulnerable” , explica.

Dende o inicio do curso, a falta de persoal de apoio e especializado para atender aos alumnos NEAE en centros de todo o País está sendo motivo de mobilizacións dos pais e nais afectados, que ven como os seus fillos e fillas non están recibindo a atención que precisan é á que teñen dereito, destaca Fernández Davila.

Falta de empatía coas familias

A deputada nacionalista critica, neste sentido, a “falta de empatía e humanidade” dos dirixentes do Goberno do PP porque “mentres os centros e o seu alumnado carecen dos docentes e os especialistas precisos, o conselleiro e o presidente da Xunta, a conta do persoal docente contratado en precario e da falta de atención ao alumnado máis vulnerable, dedícanse á propaganda e a gabarse dunha fantástica xestión para que Galiza conte con maior número de profesores”.

Fernández Davila fai así unha chamada aos dirixentes do PP a escoitar os centos de familias que o pasado domingo saíron á rúa para reclamar atención para os seus fillos, “porque non queren que os centros educativos rematen sendo meras garderías para eles”.

Con ese propósito defenderá no próximo pleno unha proposición non de lei na que empraza a Xunta a ampliar o cadro de efectivos dotándoos de máis persoal docente e de especialistas dos equipos de Orientación de xeito estable, de maneira que sexan suficientes para cubrir as necesidades dos alumnos con necesidades especiais.

Na mesma iniciativa, o Bloque reclama a posta en funcionamento dun plan de mellora educativa que faga fronte a necesidades puntuais que poidan ter os centros escolares con alumnado NEAE, así  como o impulso de proxectos que contribúan a acadar unha excelencia educativa. 

“Trátase en primeiro lugar de garantir os dereitos do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, pero tamén de completar informes ou estatísticas de peche de curso e preparación do seguinte no mes de xullo”, conclúe Fernández Davila.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG