O BNG denuncia a redución de profesorado no Proxecto de Orzamentos 2020 e problemas no inicio de curso

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil reclama reducir as ratios por aula, atención axeitada  para  alumnos con diversidade e máis orzamentos para o ensino e a universidade

A deputada do BNG, Olalla Rodil respondeu á conselleira de Educación, Carme Pomar que o “curso non comezou de maneira normal” e acusou a Xunta de “improvisación e falta de previsión” como constatan, dixo,  “as obras nun gran número de centros espallados por  toda Galiza”. A parlamentaria tamén se referiu a “redución do profesorado”, reflectida nos Orzamentos do 2020, falta de orzamentos no ensino e universidade e a necesidade dunha atención axeitada para o alumnado con diversidade.

Rodil sinalou  obras nos centros dos concellos de Cervo,  Foz, Santiago  Compostela, Lugo,  Ferrol, a comarca do  Salnés e a  Fonsagrada, onde  o alumnado do CEIP continúa recibindo clases no IES.

Para a deputada do BNG, o ensino público galego arrastra problemas estructurais que aparecen en cada novo curso entre os que destacou: A redución de profesorado no corpo de Mestres o ano pasado e este curso nos docentes de Secundaría con 45 prazas menos, situando o total de profesores e profesoras en 29.942, “a cifra máis baixa dende o ano 2014”.

Por outra parte criticou que as políticas do PP son contrarias á demanda unánime de todas as centrais sindicais que reclaman recuperar dereitos estreitamente ligados coa mellora da calidade educativa, como  a volta aos 18 períodos lectivos nos corpos que imparten docencia na ESO, Bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial ou 21 no corpo de mestres para os centros de Infantil, Primaria e Educación Especial.

A parlamentaria afirmou que é necesario rematar coas diferenzas territoriais,  e puxo como exemplo “un medio  rural despoboado fronte á realidade das cidades e áreas metropolitanas”. Coma se fose comparábel a realidade demográfica do interior de Lugo ou Ourense coa da área metropolitana de Vigo ou A Coruña, explicou.

Tamén demandou recuperar e ampliar os “desdobres” en Secundaria e  Bacharelato”,  medidas que  exixen “un incremento orzamentario” que “non aparece por ningures nas contas presentadas pola Xunta para o ano 2020. “Debe ser recuperado todo o orzamento recortado nos últimos anos”, apostilou.

ATENCIÓN Á DIVERSIDADE

A deputada fixo fincapé na falta de persoal especializado de apoio en Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe que motivou no inicio de curso  a mobilización das familias e da Confederación de ANPAS Galegas. Esta cuestión, lembrou Roidl, foi motivo dunha pregunta do BNG na última comisión de Educación á que o seu secretario  Secretario Xeral respondeu que era unha fake news.

O que evidencian as recentes  mobilizacións na área da Coruña ou as denuncias recollidas no informe da Valedora, evidencian un problema estrutural nun ensino público galego que non aposta  pola   integración do alumnado con diversidade nos centros ordinarios. Coa actitude de Educación, “non se garanten os recursos humanos, económicos e materiais necesarios para  unha escola realmente inclusiva”, afirmou.

MENOR PRESENZA DO GALEGO

A deputada do BNG remarcou que aumenta o número de nenos e nenas  que non saben falar galego, “un de catro menores de 15 anos non sabe falar a lingua propia  e o 30% non a sabe escribir”.

“Medrou case oito puntos en dez anos o número de crianzas que non sabe falar galego  nun contexto en que o ensino, supostamente, debe garantir competencias lingüísticas en galego para toda a poboación”, concluíu.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG