BNG denuncia os recortes na pesca galega para 2023 acordados polos ministros da UE

Porto de Vigo
Porto de Vigo
Ana Miranda e Rosana Pérez critican os prexuízos á frota galega de arrastre e de cerco e rebaixan o optimismo do ministro Planas

A eurodeputada Ana Miranda e a deputada Rosana Pérez denuncian o mantemento dos recortes para o sector pesqueiro galego no vindeiro ano, segundo se desprende do acordo alcanzado polos ministros de Pesca da Unión Europea. “Lamentamos que se manteña unha liña de desmantelamento continuo da nosa frota pesqueira, nun momento especialmente delicado polos efectos da crise, a pandemia, o Brexit e a limitación de capturas coas novas decisión comunitarias”, criticaron as nacionalistas.

Os totais admisibles de capturas (TAC’s) e cotas decididas esta madrugada polo Consello de Pesca para 2023 son, segundo Miranda e Pérez, “un novo pau ao sector pesqueiro galego en algunhas especies. “Inevitablemente temos que rebaixar o optimismo do ministro Planas”, sinala Ana Miranda.

Neste sentido, Rosana Pérez sinala que a decisión acordada a respecto do xurelo é “unha absoluta hecatombe” para o sector do cerco galego. Considera inexplicable que se pase de 70.000 toneladas correspondentes a 2022 a 3.200 toneladas para o ano 2023. “É absolutamente inconcibíbel”, sinala a deputada do Bloque, quen considera que se esta cantidade é a definitiva é necesario activar un plan de medidas compensatorias para o sector.

Igualmente amosan a súa preocupación a respecto dos TAC’s correspondentes á cigala, practicamente pechada na súa totalidade. “Para o sector pesqueiro galego non é unha boa noticia, xa que o sector leva moitos anos nesta situación”, manifesta Ana Miranda.

Desmantelamento

As deputadas nacionalistas indican que estas decisións se enmarcan no fracaso da Política Pesqueira Común /(PPC) que supuxo que dos 5.600 buques que había en Galiza no 2004, pasouse ás 4.200 unidades na actualidade, o que supón o desmantelamento de 1.400 barcos.

“O impacto da PPC ten sido terrible, tanto na frota como nos empregos”, denuncia Ana Miranda, quen considera que a frota galega ten sufrido unha “constante discriminación” porque o sistema de reparto existente baseado no criterio de estabilidade relativa segue a manter e incrementar este reparto inequitativo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG