A deputada do BNG, Montse Prado preguntou hoxe ao Goberno polas continúas reducións da cota de pescada e os plans para a súa recuperación. Prado denunciou que nunha década, este recurso non recuperou a súa actividade. O ano pasado,explicou, a rebaixa foi do 15% e neste ano a caída será do 22%. Estes datos, dixo contrastan coa valoración da conselleira do Mar, Rosa Quintana, sobre “o inmenso esforzo negociador” do Ministerio tendo en conta que a proposta inicial era unha diminución do 60,2%. Neste sentido, denunciou a posición da consellería e “os continuos recortes á flota galega”.
Por outra parte tamén salientou a situación discriminatoria a respecto de Portugal. Os barcos lusos, explicou, poden pescar con máis cota, durante as fines de semana, e descargar nas lonxas galegas, mentres os mariñeiros galegos “non poden ir ao mar”.
A deputada indicou que en tres anos a flota galega padeceu unha rebaixa de 3.678 Toneladas sobre uns TACs xa excesivamente “reducidos e insuficientes” e tamén se referiu a flota da volanda cun reparto individual “ moi baixo” e sen alternativas para poder traballar o resto o ano ao establecer un máximo de 141 días cunha cota moi minguada.
A escaseza de pescada e falta de cota obriga a flota a mudar a un cambio temporal de artes incrementando os gastos adicionais para adaptar as embarcacións a outras pesquerías. Gastos, asegurou, que poden acender a 15.500 euros como os asumidos por oito pesqueiros da Confraría de Cedeira.
A parlamentaria reiterou que a intención da Unión europea é despezar a flota galega e para iso conta coa “conivencia do Goberno galego”. Non hai máis que ver, as dificultades da flota da volanta e as medias impostas ás artes menores. O Goberno galego, denunciou, rexeita asumir as súas competencias en augas interiores provocando que a flota de artes menores teñan que asumir cotas, a pesar de ser unha pesca “sustentable”.
A deputada preguntou polo balanzo da Xunta para a recuperación da pescada, tras 12 anos de poñer en marcha o plan, está recuperado o caladoiro, e se o Plan de xestión serviu para mellorar as zonas de veda e desove.
Pola súa parte, a directora de Pesca, Mercedes Rodríguez asegurou que existen dous plans para recuperar a pescada, norte e sur, e os resultados de ambos plans acadaron os obxectivos ao que a parlamentaria replicou que, a Consellería do Mar mantén unha posición “displicente” co sector ata o punto de nin sequera recibilo a pesar das moitas peticións e especificou que as preguntas formuladas polo BNG referíanse a pescada do sur pero vostede volve a “manipular e non se atén ao que preguntamos”, reprochou.
Vostedes actúan como “figurantes” e agardando a que a flota desapareza e non teñen ningún rubor en afirmar que as medidas son aceptadas polo sector pero “os gastos nas embarcacións e os TACs” foron amplamente rexeitados, o que sucede, matizou a nacionalista, e que están obrigados a aceptalas para non ser “ilegais”. Finalmente, Prado pediu rigor a directora de Pesca e que se reúna co sector abrindo un diálogo que neste momento “non existe”, concluíu.