Parlamento Galego

O BNG denuncia que o Goberno galego condena en moitos casos ao persoal fixo-descontinuo a vivir por baixo do limiar da pobreza

María González Albert
María González Albert
María González Albert pide un cambio de interpretación da lei para que poidan traballar noutras administracións no período de inactividade dos seus contratos

O BNG reclama á Xunta que cambie o seu criterio na interpretación da Lei de Incompatibilidades do Persoal ao Servizo das Administracións  para que as e os traballadores fixos-descontinuos poidan traballar noutras administracións e empresas públicas nos períodos de inactividade dos seus contratos, sen que sexan “condenados, en moitos casos, a vivir baixo o limiar da pobreza”.

Así o manifestou a deputada María González Albert nunha pregunta oral na Cámara galega ao fío dunha sentenza do xulgado nº3 do Contencioso-Administrativo de Pontevedra na que se recoñece a compatibilidade a un traballador fixo descontinuo de seis meses do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) durante o período de inactividade do seu contrato.

González Albert considerou a resolución -que, segundo advertiu, xa foi recorrida polo Executivo galego- “un importante golpe xudicial para a Xunta e a súa xestión laboral” e referiuse ao caso para “exemplificar a nula consideración” que ten ao conxunto do cadro de persoal que traballa con esta modalidade contractual.

“Dende o BNG pedimos que muden o seu criterio e recoñezan o dereito á compatibilidade sen condenar a este persoal a vivir baixo o límite da pobreza”, recalcou logo de subliñar que tanto na situación obxecto da sentenza como noutras análogas “as percepcións salariais están máis próximas ao salario mínimo que aos límites establecidos na lei de incompatibilidades”.

A deputada nacionalista denunciou que o Goberno galego fai unha lectura restritiva e limitativa da lei cando, como se advirte neste fallo xudicial, a literalidade da norma non se adecúa á realidade actual dado que non existía a figura da traballadora fixo-descontinua no momento da súa redacción. González Albert tamén recalcou que a sentenza recoñece que o espírito normativo estaba pensando para non compatibilizar dous postos de traballo a xornada completa, polo que acusou á Xunta de utilizar “unha lei que pretendía ser garantista dos dereitos laborais para precarizar”.

“Na liña da sentenza, nos períodos de inactividade, a traballadora fixo-descontinua nin traballa nin cobra, polo que nese tempo non realiza dúas actividades no sector público nin tampouco percibe dous salarios públicos”, concluíu despois de advertir que o Executivo galego non pode contribuír a que, tal e como alerta o último informe FOESSA, “ter un traballo non evite que se chegue a situacións de pobreza e exclusión social”.


 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG