A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón avanzou hoxe a denuncia ante diversas instancias internacionais pola “aberrante” utilización e xestión das visitas ao Pazo de Meirás pola Fundación Franco.
Ana Pontón compareceu ante os medios de comunicación, xunto a portavoz desta forza política en Europa, Ana Miranda quen anunciou “a presentación de diversas denuncias ante a Comisión e Parlamento europeo e a comisión de Dereitos Humanos de Nacións Unidas”.
Ana Pontón avanzou a posta en marcha “dunha fronte democrática” para iniciar institucional e socialmente a denuncia dunha do que reiterou é unha situación “aberrante” na que a Fundación Francisco Franco “coa conivencia do Goberno galego e o seu presidente Núñez Feijóo” pretende converter “nun parque temático do fascismo” o Pazo de Meirás.
Pontón cualificou o que acontece en Meirás de “inconcibible, incompatible coa democracia e supón unha labazada ás vítimas do franquismo e as súas familias”. Esta situación pon de manifesto, recalcou a “conivencia do Partido popular co franquismo no Estado español”.
A portavoz nacionalista asegurou que a Xunta conta con instrumentos para evitar o que sucede no Pazo de Meirás e lembrou que mañá reanúdanse as visitas polo que o Goberno galego debe estar atento e parar esta “barbaridade” por que a súa pasividade é igual a “complicidade”.
Por outro lado avanzou que no inicio do curso político, o BNG presentará nos concellos e no Parlamento galego mocións destinadas a devolver o Pazo de Meirás ao pobo de Sada “roubado durante o franquismo” así como declarar “non grata” á Fundación Francisco Franco e a familia Franco e iniciar o expediente para ilegalizar a esta fundación por facer “apoloxía do fascismo”.
Pontón tamén recordou que o BNG defenderá a lei galega de Memoria histórica destinada a recuperación e recoñecemento de todas as vítimas e contra a “impunidade” dos crimes franquistas.
O BNG ELEVA A INSTITUCIÓNS INTERNACIONAIS A DENUNCIA CONTRA A FUNDACIÓN FRANCO
Pola súa parte, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda anunciou que o BNG elevará unha denuncia ao Parlamento europeo e a ONU contra a Fundación Franco por “apoloxía do fascismo” e advertiu que a xestión da Fundación Franco sobre o Pazo de Meirás atenta contra “os valores europeos” e a democracia.
Miranda explicou que non existe ningún caso semellante en Europa no que unha Fundación utilice un espazo para enaltecer os “valores e figura do ditador” como defende a Fundación Franco nas visitas ao Pazo de Meirás. Esta maneira de actuar, dixo, “atenta contra os valores europeos e os dereitos humanos” e dende o BNG só podemos dicir que é “antidemocrático e mesmo ilegal”.
Para a portavoz do BNG en Europa, despois da morte de Franco , o 20 de novembro de 1975 e xa transcorridos 42 anos, “o franquismo segue vivo” e a decisión de que a Fundación Franco sega xestionando o Pazo de Meirás, é “só a punta do iceberg do franquismo”. Miranda apostilou que non teremos unha verdadeira democracia ata que esta cuestión quede resolta con “xustiza, verdade e reparación das vítimas”.
Ana Miranda lembrou as diversas iniciativas presentadas polo BNG no Parlamento galego e Deputación da Coruña ás que sumou a denuncia ante o Executivo comunitario a a inclusión na Memoria histórica activa en Europa “os crimes da ditadura franquista” porque nese programa europeo non están incluídos, dixo.
Asemade, dixo, hoxe damos un paso máis e anunciamos que no mes de novembro de 2017, coincidindo cos 42 anos da morte do ditador, o BNG ten previsto celebrar no Parlamento europeo un encontro con diversas organizacións, asociacións relacionadas coa recuperación da Memoria histórica de Galiza e do resto do Estado así como expertos na ditadura franquista.