O BNG pide á Xunta de Galiza que se sume á iniciativa impulsada pola Deputación da Coruña, concellos de Sada e A Coruña, Universidade da Coruña, Iniciativa Galega polo Memoria e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña para que o Pazo de Meirás sexa patrimonio público.
Asemade, o BNG solicita do goberno galego iniciar accións de apoio técnico, xurídico e económico para a devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público galego.
O parlamentario do BNG, Luís Bará salienta que a intención das entidades promotoras é crear unha fronte común para conseguir acabar co espolio de Meirás e converter o Pazo nun ben de titularidade pública. Nesta liña, o BNG solicitoulle á Xunta de Galiza que se sume a esta iniciativa e preste o apoio técnico, xurídico e económico necesarios.
Ademais, tamén insta á Xunta a apoiar a proposta para o concello de Sada xestione as visitas ao Pazo. Por outra banda, o BNG reclama do goberno galego “unha condena pública, firme e contundente”, das declaracións dos representantes da Fundación Franco por apoloxía do franquismo e do ditador.