parlamento galego

BNG denuncia a falta de perspectiva de xénero do Goberno do PP nos nomeamentos de Embaixador ou Embaixadora do Camiño de Santiago

Daniel Pérez
Daniel Pérez

O BNG obtivo a unanimidade da Cámara para instar á Xunta a que os dous postos restantes dos ata oito nomeamentos posibles de Embaixador ou Embaixadora sexan ocupados por mulleres

Pérez lamentou que esta unanimidade, aínda así, non consegue arranxar a falta de paridade da concesión deste título honorífico, xa que dos dez nomeamentos posibles, seis están xa en posesión de homes, o que evidencia “unha clara falta de igualdade real nas decisións do PP”

O BNG levou ao Parlamento a falta de paridade e perspectiva de xénero nas decisións do Goberno do PP na concesión do título de Embaixador ou Embaixadora do Camiño de Santiago. Este título só pode ser concedido a 8 persoas, das cales 6 xa foron homes nomeados pola Xunta, previa decisión do seu presidente, sen aínda ningún nomeamento feminino.

Un título honorífico marcado, nestes momentos, por unha actitude “rancia e machista”, cualificou Pérez, debido a falta de mulleres no mesmo. Dentro dos homenaxeados, criticou a afinidade dos mesmos co Partido Popular, como é ocaso de dous, o ex-presidente do goberno central, Mariano Rajoy e o ex-conselleiro dos Populares, Vázquez Portomeñe, o que outorga a estes nomeamentos “certo aroma partidista”, ironizou.

“No que atinxe á igualdade, ademais dun maior compromiso orzamentario, precísase unha maior visibilización. Un dos maiores valores a transmitir debe ser o da igualdade entre homes e mulleres”, criticou a deputado do BNG, Daniel Pérez. Puxo como exemplo a “falta de visión igualitaria da Xunta, que non contempla a ningunha muller como Embaixadora do Camiño, porque xestos coma estes tamén importan”, remarcou, sobre “un PP que se lle escapa o machismo polos poros”.

O deputado do BNG puxo o foco na maneira de comportarse duns Populares “que practica o feo costume de identificar ao partido co goberno da Xunta”, e apelou aos Populares a respectar o espírito institucional de servizo “a todas as galegas e galegos”. Como exemplo deste “partidismo”, denunciou os “contratos escuros con xornalistas para a promoción do Camiño de Santiago en programas nos que está ausente a lingua galega”.

En relación co Camiño de Santiago, o parlamentario nacionalista valorou a oportunidade que supón para o desenvolvemento económico galego, “xa que conleva unha espiritualidade que cremos positiva e que potencia a propia marca do Camiño”, valorou, mais criticou o actual modelo do PP, baseado “nun turismo low cost que conleva a perda da nosa singularidade, identidade e capacidade de atracción”, características que forman parte dun turismo capaz de xerar riqueza no País. De feito, o actual modelo dos Populares “está a crear problemas importantes como a masificación”, advertiu, “sobretodo en casos como o de Santiago de Compostela, onde 12.000 mozos e mozas, sufragados pola Xunta de Galicia, participaron nunhas xornadas organizadas pola Igrexa Católica”, sinalou, unha experiencia que deixou á cidade colapsada, mais sen ningún retorno económico”.

Outra das problemáticas do actual modelo turístico, recriminou, é a xentrificación, que supón “o desprazamento dos veciños dun barrio a outros por mor da suba dos alugueiros e o interese turístico”, argumentou o parlamentario do BNG, o que provoca a perda “do rico e variado comercio local, deixando unha oferta comercial uniforme dedicada a un tipo concreto de turismo”, denunciou. Un ecosistema comercial onde “cada vez máis proliferan as tendas de souvenirs orientadas ao perfil do visitante” provocado polo tipo de políticas dun Partido Popular, “que procura un perfil único de visitante que só merca un imán e unha camiseta”.

Fronte este tipo de políticas turísticas, Pérez propuxo un modelo “máis sustentable, con respecto á integridade biolóxica, medioambiental e cultural, para satisfacer as necesidades económicas pero tamén sociais da sociedade galega”, iniciativa que debe introducir cuestións “como a igualdade”, remarcou.

A proposta do BNG acadou, finalmente, a unanimidade do Parlamento para instar á Xunta a propoñer a dúas mulleres nas restantes vacantes do título de Embaixador ou Embaixadora do Camiño de Santiago. Unanimidade que o deputado do Bloque agradeceu, mais concluíu lamentando que non vaia resolver a “situación de desigualdade”, onde das oito figuras homenaxeadas, só dúas serán mulleres.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG