congreso

BNG denuncia a actuación abusiva da Garda Civil do Mar pola pesca da cigala

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego interpelou o Goberno español sobre o abuso nas funcións inspectoras do Servizo Marítimo da Garda Civil, que está a tramitar denuncias penais pola captura de cigala facendo ver que os patróns cometen un delito contra a fauna e a flora por capturar unha especie en veda, cando se trata dunha infracción administrativa. O BNG denuncia que esta actuación vense a sumar a outras irregularidades na práctica das inspeccións que fan que o sector considere que existe unha campaña de asedio á frota galega.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denunciou a situación que están atravesando moitos patróns e armadores galegos despois de que se fixese público o reiterado intento da Garda Civil de tramitar pola vía penal as capturas de especies en veda, como é o caso da cigala, como se dun delito contra a fauna e a flora se tratase.

Isto vén a sumarse ás actuacións abusivas e irregulares que se está levando a cabo o Servizo Marítimo da Garda Civil nas inspeccións a barcos pesqueiros. O deputado do BNG, Néstor Rego, puxo en coñecemento do Goberno Central estas prácticas, lembrando que se estaban a impor sancións de carácter penal e non pola vía administrativa, que se repiten de maneira inxustificada nalgunhas equipas do SM da Garda Civil.

A interpretación que realiza a Garda Civil está completamente errada, pois o Código Penal castiga condutas en que se cace ou pesque especies prohibidas por estar protexidas ou en perigo de extinción. “Este non é o caso da cigala”, apunta o deputado Néstor Rego, “para esta especie o que se estableceu foi un tope de captura e unas limitacións temporais, por tanto, a súa pesca vulnera normas administrativas mais non supón incorrer en ningún tipo penal”.

A denuncia destes feitos como delito non ten ningunha base xurídica e si unhas graves repercusións para os armadores investigados como se de criminais se tratase, pois deben presentarse a declarar perdendo cando menos un día de traballo e tendo que sufragar os gastos que supón a necesaria representación mediante avogado.

Neste sentido, Rego reclama ao Goberno Central que dea instrucións claras á Garda Civil do Mar para que actúen conforme á legalidade vixente e apliquen unha interpretación correcta do Código Penal segundo a cal a captura de especies non protexidas, como a cigala, non supón un delito contra a fauna e a flora. Ademais, o deputado do BNG convidou ao Goberno a elaborar un listado actualizado das especies prohibidas para coñecemento da Garda Civil e a súa difusión tamén entre patróns e armadores co obxectivo de garantir a seguridade xurídica. 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG