A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, a deputada do BNG, Olalla Rodil sinalou a necesidade de atender ás persoas con enfermidades psiquiátricas en centros de “carácter residencial” ante o alto número de ingresos de persoas con este perfil en residencias de maiores.
Nesta liña, engadiu que os ingresos, na súa maior parte, afectan a persoas menores de 65 anos que entran por vía de emerxencia social porque “ non teñen onde ir” e a Xunta de Galiza non conta con servizos específicos para atendelas como merecen e necesitan.
A nacionalista explicou que segundo a Asociación galega de inspectores en servizos sociais, a porcentaxe alcanza o 40% de persoas derivadas por emerxencia social ás residencias de maiores e con enfermidades psiquiátricas.
A situación afecta a todas as residencias públicas ou privado-concertadas, como denuncian as traballadoras e traballadores; organizacións sindicais e mesmo a Asociación galega de inspectores en servizos sociais. Ademais dos graves problemas provocados polos doentes contra o persoal laboral.
“ As residencias son centros de atención a persoas maiores, con ou sen dependencia, non son hospitais psiquiátricos” ou centros especializados en doenzas mentais, recalcou a nacionalista. Tampouco están debidamente preparadas para atender situacións cada vez máis habituais de alzheimer ou demencias. Ademais, dixo, o persoal das residencias non conta coa formación necesaria nin medios para atendelos debidamente. “Non hai persoal especializado en psiquiatría nas residencias galegas de maiores” asegurou.
“Precísanse centros especializados, con outros criterios de atención sanitaria e social distintos aos dos antigos psiquiátricos” e estas persoas non poden seguir sendo derivadas ás residencias de maiores. Dende o BNG propoñemos dotar de “unidades de psico-xeriatría ás residencias de maiores e crear centros extrahospitalarios de carácter residencial e atención integral para persoas con enfermidades psiquiátricas que non teñan rede de apoio familiar”.
Tras a resposta do director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antonio Acevedo que coincidiu coa deputada do BNG na situación xerada polas persoas afectadas de enfermidades psiquiátricas e derivadas ás residencias de maiores, pero sen anunciar ningún compromiso por parte do goberno, a nacionalista criticou que a consellería non remitira a información solicitada polo BNG sobre prazas para persoas maiores dependentes ou que carecen de apoio familiar ou recursos e parabenizou ao xornalista Daniel Domínguez que hoxe mesmo publica unha reportaxe no Faro de Vigo cos totais de ingresos de urxencia en residencias de maiores.
Os datos publicados por Domínguez, aludiu Rodil, reflicten que no ano 2022 hai “ 1.097 persoas” ingresadas pola vía de emerxencia ou de urxencia por unha situación de risco, 127 persoas máis que no ano 2021. Unhas cifras que se incrementan dende o ano 2016 chagando a 2.500 persoas que entran por esta vía nas residencias de maiores nos últimos dous anos.
Despois de catro anos, a Xunta segue sen publicar a estratexia contra a “soidade non desexada”.
Polo que vemos na prensa, e non polo que nos dixera a Xunta de Galiza, criticou a nacionalista, a principal razón é a “soidade non desexable”, sen apoio familiar nin recursos económicos e persoas que polo seu perfil poden poñer en risco a súa integridade física ou psíquica.
Rodil lembrou que o Parlamento galego acordou por unanimidade no ano 2019 que a Xunta impulsase “unha estratexia contra a soidade non desexada” pero continuamos agardando pola súa publicación.
Por outra banda, tamén se referiu ás dificultades do persoal das residencias á hora de atender ás persoas afectadas por enfermidades psíquicas. O persoal laboral alerta do alto número dos ingresos con este perfil e denuncian que a atención que reciben non é a axeitada porque as residencias non foron pensadas nin deseñadas para atender estes perfís sociais. “Todas as residencias, con financiamento públicos están afectadas”.
Olalla Rodil insistiu na urxencia de crear unidades psico-xeriatrícas nas residencias e centros extrahopitalarios de carácter residencial para atender unha realidade que cada vez é máis habitual, concluíu.