O BNG demanda que a Igrexa pague o IBI, como o resto da sociedade

O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, presentou esta mañá una iniciativa rexistrada no Congresos dos Deputados para rematar cos privilexios fiscais das confesións relixiosas, nomeadamente a Igrexa Católica.

Neste sentido, Jorquera, acompañado polo Grupo Municipal do BNG de Santiago e pola portavoz do Grupo Parlamentar do BNG, Ana Pontón, subliñou que “a superación da crise económica pasa tamén por acabar cos privilexios fiscais, que xunto co enorme volume de fraude fiscal e o inxusto reparto dos impostos, que recaen sobre todo nas clases media e baixa, levaron a unha crise fiscal no Estado español”.

Só o concello de Santiago deixa de recadar 200.000 euros ao ano pola exención do IBI á Igrexa

E como un primeiro paso para acabar cos privilexios fiscais, o candidato do BNG defendeu “rematar cos privilexios fiscais das confesións relixiosas, unha situación que leva a que só nunha cidade como Santiago a exención do IBI ás confesións relixiosas significa que o Concello de Santiago deixa de ingresar ao ano 200.000 euros en impostos”.

Unha proposta razoábel centrada nos bens destinados a fins lucrativos

Neste sentido, Francisco Jorquera salientou que “a proposta do BNG é totalmente razoábel, porque é xustificable a exención do IBI cando se trata de bens inmobles destinados ao culto relixioso, como é o caso da catedral de Santiago, ou cando teñen usos sociais, caso dos comedores sociais, ou educativos, pero cremos que é totalmente inxustificábel esa exención cando afecta a bens inmobles con fins lucrativos, como por exemplo a hospedaría de San Martiño Pinario, pois iso ademais constitúe unha competencia desleal aos empresarios do sector hoteleiro, que si cumpren co pago dos seus impostos”.

Mesmo en Italia a Igrexa terá que pagar o IBI

Francisco Jorquera puxo como exemplo que apoia a reclamación do BNG o caso de Italia, “un país no que existe unha influencia tan grande da Igrexa Católica e no que esta terá que pagar o IBI a partir do ano que ven”. Ademais lembrou que “a Unión Europea no seu momento instou ao Estado español a eliminar a exención que tiñan as confesións relixiosas para o pagamento do IVE”.

Na mesma liña, salientou que “todos os datos indican que a inmensa maioría dos crentes apoian esta petición e cren que é de xustiza e equidade social acabar cos privilexios fiscais das confesións relixiosas”.

O BNG foi a primeira forza en reclamar a fin dos privilexios fiscais para as confesións relixiosas

Por último, Francisco Jorquera lembrou que “o BNG foi a primeira forza política en plantexar esta cuestión tanto no Concello de Santiago, como no Parlamento Europeo e no Congreso dos Deputados”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG