parlamento galego

BNG demanda accións urxentes para frear o grave “abandono e deterioro” do Porto da Pobra do Caramiñal e o PP vota en contra

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez reclamou vestiarios para o persoal traballador,  tomas de luz e auga, evitar os aparcamentos  nos lugares de traballo, reparación de material dereriorado, limpeza de lixo e solventar todas as deficiencias nun dos portos máis importantes de Europa  de descarga de túnidos

A portavoz de pesca do BNG, Rosana Pérez instou á Xunta a iniciar, de maneira urxente, accións de mellora, mantemento  e limpeza  no Porto da Pobra do Caramiñal para frear “o grave abandono e deterioro” das instalacións.

Na defensa da proposición non de lei, Rosana Pérez referiuse á necesidade de construír novos vestiarios para o persoal de descarga, medida, dixo, anunciada  xa por Portos de Galiza. Nesta liña, propuxo que  mentres non se execute   obra “ sexan acondicionados os actuais vestiarios atendendo á normativa de seguridade, salubridade e hixiene vixente”.

Por outra banda, tamén aludiu a aqueles  espazos que na actualidade son ocupados para actividades alleas ás portuarias como os  aparcadoiros.

O porto, explicou,  precisa de tomas de auga e luz, facilitar a concesión a “un prezo razoable” do único local de cafetería e dotalo de norais adecuados ao tamaño e envergadura dos buques para o seu atraque.

Ademais, a nacionalista explicou que  Portos de Galiza obtivo , entre o 2019 e o 2021, unha media de 30 millóns de euros de ingresos anuais, unha cantidade, na súa opinión, “máis que suficiente” actualizar as memorias e informes anuais de súa  xestión na páxina web,  porque a última é do ano 2021. Nos informes de xestión do ano 2020 e 2021, os obxectivos que se presentan para o ano seguinte “son exactamente os mesmos, sen variación ningunha, o que cando menos fai dubidar da credibilidade deses obxectivos que se marcan e, evidentemente, do seu cumprimento”.

Sobre  as “accións en seguridade portuaria, defensas, sinalización, pavimentos, control de accesos a zonas de máxima actividade, balizamento e obras de atracada”, ou a “licitación dun contrato de mantemento e pequeno investimento nas instalacións do conxunto do sistema portuario”, continúan “inamovíbeis ano tras ano” e a realidade diaria constata  que “os portos galegos manteñen graves deficiencias  sen que Portos de Galiza corrixa estas eivas”.

Neste sentido, recalcou  que o Porto da Pobra do Caramiñal adoce de falta de tomas de luz e auga obrigando aos  camións frigoríficos a permanecer acendidos até completar  a  carga,  hai  arquetas sen tapa de rexistro, escaleiras metálicas de acceso aos barcos deterioradas, pavimento estragado, falta de organización nas  zonas de aparcamento que se sitúan dentro da zona de traballo, peche da única instalación de cafetería que existía para os traballadores e traballadoras e persoal do porto por pago de taxas excesivas, e  “lixo, moito lixo” acumulado a ambas partes da escollera, en terra e, sobre todo, no mar.

O porto da Pobra do Caramiñal, un dos máis importantes de descarga de túnidos de Europa, non pode continuar nesta situación e Portos de Galiza ten unha grande responsabilidade, “Portos de Galiza ten que abandonar o seu labor recadatorio ”e poñer en marcha medidas como o “proxecto de novos vestiarios” para o persoal de carga e descarga.

A deputada do BNG, lamentou que unha vez máis, o Partido popular votara en contra das demandas recollidas na proposta nacionalista e que persista en manter as deficiencias nas instalacións portuarias do Porto do Caramiñal, a pesar da grande actividade que desprega e o movemento económico que xera.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG