O deputado do BNG, Luís Bará defendeu a primeira lei da Memoria histórica galega para honrar a memoria das vítimas do fascismo en Galiza. A historia está aí, afirmou, e agora que “peta nas portas a involución e o fascismo é máis necesario que nunca, non esquecela”.
Tras saudar aos representantes de familias represaliadas e entidades defensoras da lei, “persoas que son fillas do terror, netas do medo e do silencio e que hoxe son voces rexas, valentes e orgullosas”, o deputado preguntou que se fixo mal para que despois de 83 anos do terror fascista en Galiza e o 40 aniversario da “sacrosanta Constitución”, a reparación das vítimas continúe sendo unha materia pendente no noso país.
O PP VOTA EN CONTRA DA LEI DE MEMORIA HISTÓRICA GALEGA
Pola súa parte, o portavoz do Partido popular, Pazos Couñago anunciou o voto en contra, ao que o nacionalista replicou que unha vez máis, “o Partido popular bota cal e estrume enriba das vítimas”. Resulta “noxento, indigno e inmoral” que o PP acusara as familias de buscar indemnizacións para recuperar os corpos dos desaparecidos durante o franquismo, ou cando clausuraron a Illa de San Simón como símbolo da Memoria histórica. Non basta con condenar retoricamente o franquismo e acusou ao PP están actuar como “aniquiladores, exterminadores e enterradores da Memoria histórica”, en Galiza.
O PP FREA A REPARACIÓN DAS VÍTIMAS DO FRANQUISMO
Na defensa da toma en consideración da lei, Bará amosou diversas fotografías dende a tribuna como a de Rosario Hernández Diéguez, a Calesa, unha muller de Vigo de 20 anos, militante das xuventudes socialistas, de familia humilde, vendedora de xornais na rúa do Príncipe. Ela, explicou, era das que levaba as bandeiras nas manifestacións, por iso despois do 20 de xullo converteuse en peza de caza maior. Agochouse mais en setembro deron con ela un grupo de mozos falanxistas de Vigo, de boa familia, de boa reputación.
Torturárona, violárona, cortáronlle os peitos e logo fondearon o seu corpo atado a unha prancha de ferro preto das Illas Cíes. Queremos que o mundo saiba o que lle fixeron e queremos honrar a súa loita e celebrar as súas ideas. Queremos que volva das augas frías e profundas do mar de Vigo, xunto con todos os sindicalistas e mariñeiros de Moaña, Cangas, Vilaboa, Bueu, e Arousa que desapareceron para sempre na inmensa foxa común en que foron convertidas as rías.
“Esta lei é por ela, por eles” é tamén para os protagonistas desta fotografía, presentes na Coruña na tribuna do desfile da celebración do día da República de 1936. O alcalde da Coruña, Alfredo Suárez Ferrín, o xeneral de división Enrique Salcedo Molinuevo, máxima autoridade militar de Galiza en xullo de 1936, a bibliotecaria Juana Capdevielle, dirixente da Agrupación Republicana e feminista galega da Coruña, o xeneral Rogelio Caridad Pita, gobernador militar da provincia da Coruña e o gobernador civil da Coruña, Francisco Pérez Carballo. Os cinco foron asasinados. Bará tamén lembrou a Juana Otero, mestra republicana de Vilagarcía, sometida a vexacións machistas e sexistas. Rapada e tatuada na fronte coas siglas UHP.
“Esta lei, é para reclamar a verdade e memoria de Castelao, perseguido por ser Militante do PG, nacionalista galego, deputado nas Cortes, e Presidente do goberno galego no exilio”.
Un texto legal, fundado no ordenamento xurídico internacional, no Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos e baseado na resolución da Comisión de Dereitos Humanos das Nacións Unidas, que establece a obriga dos Estados de adoptar medidas eficaces para loitar contra a impunidade, afirmou.
Para o deputado, o proxecto de lei é un programa de actuación que debe contar co máximo rango institucional e medios para desenvolver unha política pública da memoria galega e con perspectiva de xénero para recoñecer o papel das mulleres como vítimas. Unha lei con 69 artigos para saber que pasou. o texto elaborado polo BNG busca crear unha comisión da Verdade, a Oficina de Atención ás Vítimas, o Instituto da Memoria e Arquivo Público da Memoria así como un “Censo de vítimas entre 1936 e 1977” e a localización, identificación e exhumacións dos restos para a súas entrega ás familias, iniciativa recollida xa no proxecto Nomes e Voces.
Ademais dun banco de ADN, Bará demandou “a devolución dos bens espoliados pola Familia Franco”, para acabar coa “vergoña dun Pazo de Meirás convertido en parque temático fascista” e rematar co sen sentido de ver como os Franco gozan e negocian con bens roubados, mentres demócratas como o investigador Carlos Babío ou o grupo de demócratas “19 de Meirás”, se sentan no banquillo dos acusados e para os que piden máis de 300 anos de cadea.
Para o deputado é necesario establecer por lei “a prohibición de actos e símbolos contrarios á memoria histórica democrática e a Eliminación da simboloxía franquista, ademais da nulidade de xuízos e sentenzas franquistas.
"A memoria é o ben máis prezado que temos e sen memoria non somos nada, temos o dereito a non esquecer", concluíu.