- O deputado, Xosé Luís Rivas reclamou manter a unitaria “A Revoltiña de Soandres” na actualidade ameaza de peche
O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini), defendeu hoxe unha proposición non de lei na comisión de Educación para reclamar o mantemento da escola unitaria “A Revoltiña de Soandres” no concello da Laracha.
Para o nacionalista, o argumento para pechar a escola unitaria por falta de matricula non se corresponde coa realidade da parroquia con 800 habitantes e unha demografía en crecemento. Ademais, a parroquia está próxima a Coruña e conta cunha nova estrada que permite aos traballadores e traballadoras desprazarse tan só en dez minutos o que está a producir “asentamento de parellas” na zona.
O parlamentario asegurou que as escolas unitarias sofren “acoso” por parte da inspección de educación que tenta convencer aos país para trasladar aos nenos e nenas a outros colexios, en detrimento das unitarias. Estas escolas, recalcou Mini, son “próximas á xente e cunha pedagoxía avanzada”. Noutras comunidades do Estado son valoradas e mesmo a xente vai vivir cerca para que os nenos e nenas se eduquen nunha avanzadilla pedagóxica. En Castela e León e Asturias “miman as escolas rurais” cun número mínimo de catro alumnos. Si pechamos as escoas unitarias, estamos pechando o “medio rural” e esa é a estratexia do Partido popular.
O deputado censurou o “criterio economicista” do Partido popular no peche de escolas rurais e apelou aos dereitos das familias. Os rapaces e rapazas, explicou, teñen dereito a ir a xantar a casa e tamén a non utilizar o transporte escolar e o argumento económico que defende o Partido popular “non vale”.
Mini advertiu que se a escola “A Revoltiña” pecha, aínda que sexa de maneira provisional por falta de matricula, “nunca máis se vai a abrir” por criterios que a administración alenta en aras do consumismo e a concentración.
Pola súa parte, o portavoz do grupo popular anunciou que votarían en contra da iniciativa nacionalista por falta de recursos económicos para manter escolas unitarias con pouca matricula ao que o deputado respondeu que o problema non é económico, reside no modelo de “agrupamento de alumnos”.
Finalmente, o deputado afirmou que se tres especialistas teñen que desprazarse a dar clase á unitaria, “así debe ser” como demandan os veciños e veciñas de Soandres. O mundo rural non é só agricultura e leite, é tamén educación, servizos de gardería ou servizos para cubrir as necesidades das persoas que habitan no medio rural.
Os votos en contra do Partido popular impediron que a iniciativa do BNG prospera.