O BNG defende 40 propostas como alternativa a "un Goberno en declive"

Ana Pontón defendeu as propostas de resolución en  defensa dos intereses dos galegos e galegas que queren “dignidade” e non aceptan a maleta como futuro nin a irrelevancia do seu destino

Ana Pontón dirixe a súas críticas a Feijóo

DEBATE DE POLÍTICA XERAL. Na defensa das corenta propostas de resolución presentadas polo Grupo parlamentario do BNG, a deputada Ana Pontón acusou a Feijóo de gabarse dos seus logros e éxitos, que levan a Galiza a ser cada vez máis pequena, non en territorio, pero si en “poboación, emprego, riqueza e vida cultural”. Realmente o PP e Feijóo, recalcou, a deputada convertéronse nun goberno minifundista, “cunha política antisocial, sen perspectiva de país, nin esperanza de futuro”.O BNG, hoxe presenta 40 propostas como “alternativa a un Goberno en declive”.

Pontón denunciou “o sexenio negro” no que Galiza viu como se malvendían as súas caixas, como a mocidade volvía a emigrar en masa ou como boa parte do escaso tecido empresarial era desmantelado.

Por outra parte, a deputada utilizou un conto popular, rescatado por Ben-Cho-Shey, como metáfora para denunciar as políticas do Partido popular contra a lingua galega nestas dúas lexislaturas.

O hospital de Vigo, símbolo da política social de Feijóo.

Nos últimos meses, tres asuntos centraron boa parte do debate político, o Hospital de Vigo, o sector lácteo ou o sector enerxético.

Intervención de Ana Pontón

Para a deputada, o Hospital de Vigo é o gran “fiasco de Feijóo” e a segunda gran mentira en materia sanitaria. A primeira foi ás xentes de Lugo, “prometeulles hemodinámica 24 horas, radioterapia e medina nuclear, que aínda seguen agardando”.

O hospital de Vigo, “é unha chapuza multimillonaria” é unha herdanza envelenada que hipoteca a sanidade durante 30 anos e convertendo nun “negocio o dereito á saúde”.

Mais o debate do hospital de Vigo, dixo, non remata co cese de Rocío Mosquera. A conselleira tivo responsabilidade por un traslado temerario, inseguro e desastroso, pero todo o escándalo que rodea ao Hospital Álvaro Cunqueiro ten unha dimensión maior e o “propio Feijóo debe dar a cara ante o fiasco do seu proxecto estrela para a sanidade”.

Queremos saber, dixo a deputada, porque se un hospital que pola vía pública custaba 450 millóns, polo recurso privado vai custar 1.400 millóns de euros?.Queremos saber se realmente é legal a fórmula de contratación que empregaron?Queremos saber tamén, porqué o Sergas permitiu recortes no contrato, recortes significativos, como reducir a 850 as 1.450 camas previstas ou os quirófanos.

Porqué se di que non hai recursos públicos e despois se financia con cartos públicos a privatización do hospital, volveu a preguntar a nacionalista.

Hoxe facemos tres propostas para o futuro da sanidade na Galiza: unha comisión de investigación parlamentaria, que sen ningún tipo de límite, vaia ao fondo sobre construción e a concesión do hospital de Vigo, que de inmediato as deficiencias sexan asumidas pola empresa e non con recursos públicos e que finalmente se reverta este proceso privatizador.

Deixación do Goberno co Sector lácteo.

Galiza, principal produtora de leite do Estado está desaparecida no debate lácteo. O goberno galego renuncia a liderar unha política a prol dos gandeiros/as galegos.Que as cotas desaparecían en abril sabíase desde había anos, dixo a deputada, é que fixo o goberno do PP? Eliminou todos os instrumentos que herdara para influír no sector, así desfixo a Mesa do leite, desfixo observatorio, desfixo os contratos homologados galegos, desfixo a lei do banco de terras que había. En definitiva, “o goberno galego non fixo, desfixo”.3

Hoxe, a través das nosas propostas solicitamos unha remuneración xusta polo leite que cubra os custes de produción e rematar coa discriminación ás explotacións galegas nas axudas establecidas no Real Decreto 849/2015 modificando os requisitos para acceder ás mesmas. Ademais reclamos constituír unha comisión e seguimento dos acordos e realizar propostas concretas.

Política enerxética que discrimina a Galiza

A parlamentaria cualificou de “absurdo” penalizar o autoconsumo impoñendo un imposto ao sol que responde, ao seu entender, ao “servilismo dun goberno aos intereses das eléctricas”. Neste sentido, lembrou que o imposto foi excluído en Baleares e Canarias por mor da dispersión xeográfica, chama atención, dixo, que este mesmo criterio non se aplique en Galiza.

No BNG defendemos un cambio de modelo, un cambio que implica mudar o excesivo consumo de enerxía, mais tamén frear o espolio enerxético de Galiza. Por iso, “defendemos unha tarifa propia, unha tarifa eléctrica galega”.

Menos subvencións á precariedade laboral e máis traballo digno

No BNG non queremos “unha Galiza minguante”, o Plan que precisa Galiza non consiste en seguir subvencionando con cartos públicos a precariedade. O plan de emprego que Galiza precisa é apostar por producir, por diversificar e polo I+D+i e por iso propoñemos a Lei Galega da Ciencia e a Investigación que inclúa o compromiso de investir o 3% do PIB en i+D+I nos próximos 8 anos.

Neste deseño de futuro apostamos por apoiar decididamente o noso sector naval. Por iso propoñemos “un Plan de modernización” que garanta a incorporación á construción civil dos estaleiros da ría de Ferrol, o dique flotante ou un Complexo Integral do Naval na ría de Ferrol.4

A nacionalista reivindicou ter unha banca pública galega para dotarnos dun modelo de financiamento propio e unha fiscalidade xusta e asegurou que as 40 propostas do BNG van destinadas a mellorar o Ensino, a vivenda, a xestión pública, a loita contra a corrupción e a pobreza e en defensa dos dereitos sociais e laborais.

Pontón non esqueceu as reclamacións para sanear as rías e evitar que Ence continúe na ría de Pontevedra así como reiterar unha comisión de investigación sobre o accidente ferroviario de Angrois.

A deputada tamén propuxo crear unha “Pinacoteca Nacional Galega” na Cidade da Cultura.

“Un Estatuto das vítimas do feminicidio”

Ana Pontón rematou a súa intervención nomeando a María Isabel, Beatriz, Divina e Silvina. Noméoas, dixo, porque o silencio fainos cómplices da violencia machista. Unha violencia que desde 2007 a 2015 provocou que máis de 1 millón de mulleres interpuxeron denuncia por violencia de xénero no estado español. “No mesmo período 750 mulleres foron asasinadas”.

Incorporar o termo “Feminicidio” é apostar por un corpus legal que sexa máis eficaz a hora de garantir un dereito humano fundamental, o dereito de todas as mulleres a vivir sen violencia e en igualdade. “O dereito a ser socialmente iguais, humanamente diferentes e totalmente libres”.

VOTACIÓN

Das corenta propostas defendidas polo BNG só foi aprobada unha relativa ao apoio ao colectivo social Long Hope para reclamar doas pensións ao Estado noruegués, no resto o Partido popular aplicou novamente "o rodillo" e rexeitou  transacionar os textos nacionalistas  en defensa do sector naval e contra a emigración que incluía un Plan para potenciar políticas activas de emprego destinado á mocidade.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG