O BNG dará voz a GZ no último debate de política xeral na lexislatura dos recortes e da corrupción

Xavier Vence e Olaia Fernandez Davila

Xavier Vence e Olaia Fernandez Davila

Xavier Vence e Olaia Fernandez Davila

O BNG asume o compromiso de ser “a voz” de Galiza no debate de política xeral da próxima semana, o último desta lexislatura, no que os problemas do país só estarán presentes grazas a intervención política da portavoz nacionalista no Congreso, Olaia Fernández Davila.

“Imos incorporar a Galiza a ese debate porque, como constatamos ano tras ano, se non o fai o BNG non o fai ninguén”, subliña a deputada. Recortes en servizos públicos e sociais, recentralización, denuncia da corrupción e incumprimento sistemático dos investimentos anunciados para o país, -“con partidas infladas nun 50% que non se chegan a executar nunca”-, serán as cuestións que centrarán a intervención do Bloque.

A deputada reprochará a Rajoy a súa actitude “cómplice” coa corrupción, a “cerrazón” ante o debate do autogoberno “cun claro retroceso no recoñecemento da plurinacionalidade do Estado”, a oportunidade perdida de dotar a Galiza dunha banca pública, o abandono dos nosos sectores produtivos e a invasión constante de competencias. “Non houbo lei que este Goberno presentase no Congreso que non tivera un claro empeño recentralizador”, denunciou Davila.

Para o BNG, este será o último debate da peor lexislatura en 35 anos, a lexislatura na que Rajoy consagrou os recortes, a do espolio da cidadanía a favor da banca ou dos oligopolios eléctricos, a da corrupción das institucións desde a Monarquía ata o propio PP e de retroceso do autogoberno de Galiza.

“Vimos a peor cara da dereita máis rancia, a dereita aznarista sen Aznar”, sintetizou o portavoz nacional, Xavier Vence, quen salientou que o BNG volverá erguer a bandeira dos intereses de Galiza no debate do Estado.

“Os deputados e deputadas galegas do PP actúan como fieis servidores das directrices de Madrid, como fichaxes en contra de Galiza”, criticou Vence, quen contrapuxo ese “entreguismo” co traballo das deputadas do Bloque no Congreso, “sempre en defensa dos intereses colectivos do país, dos sectores produtivos e dos sectores sociais máis afectados polo espolio”.

Vence salientou que este final de lexislatura deixa un pacto “infame” entre PP e PSOE, que modifica o código penal para introducir a cadea perpetua e criminaliza a protesta social, de tal xeito que pode se catalogada como delito de terrorismo. “Un broche” de mandato entre os dous partidos do réxime que se suma ao que puxo final á pasada lexislatura para modificar o artigo 135 da Constitución e poñer as contas públicas ao servizo dos lobbies económicos.

Neste contexto, o papel do BNG no debate de política xeral, “unha vez máis, será clave para que Galiza este presente e para defender un modelo social avanzado”, conclúe.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG