A portavoz de pesca do BNG, Rosana Pérez preguntou á Xunta que accións vai emprender ante a intención do Goberno de España de implantar melloras nas condicións hixiénico-sanitarias na descarga de túnidos enteiros a granel tendo en conta que os sectores implicados xa aplican “ un estrito un control nas descargas, transporte e na transformación”.
Os sectores implicados, dixo, “non atopan xustificación a maiores esixencias” e descoñecen a razón pola que se querían impoñer outras como evitar descargas cando o vento sopre cunha elevada intensidade ou con chuvia.
No ano 2022, explicou a nacionalista, o Goberno de España tentou implantar unha serie de medidas que pretendían mellorar as condicións hixiénico-sanitarias da operativa de descarga de túnidos enteiros conxelados a granel. Despois de varias reunións cos importadores, estibadores, transportistas e conserveiros, o Goberno estableceu o prazo do 1 de xaneiro do 2023 para a entrada en vigor de unha das medidas que “remataría co transporte de túnidos conxelados a granel”. A data para a entrada en vigor da medida, quedou á espera de realizaren novas reunións cos afectados que reclamaron maior diálogo e, sobre todo,” proporcionalidade na aplicación da medida”.
En todo caso, puntualizou a nacionalista, pretendíanse establecer unha serie de condicións, a maiores de todas as que xa veñen cumprindo, na operativa de descarga de túnidos enteiros conxelados a granel, que resultan moi complicadas de cumprir para moitas pequenas empresas de estiba e desestiba e para moitos transportistas.” Non é fácil nin barato” para calquera transportista pasar a transportar os túnidos conxelados a granel dende os buques frigoríficos a calquera destino en vehículos frigoríficos pechados e a temperatura regulada mantendo a cadea de frío e todas as condicións hixiénicas e sanitarias que garantan o seu consumo, “as normas” reiterou, necesitan dun período para que as empresas se adapten.
A Xunta de Galiza, que se di “valedora a ultranza da cadea mar-industria”, non reaccionou a pesar de gobernar un país con portos propios importantes que viven practicamente da descarga de túnidos e potentísima industria de transformación.
Durante anos, engadiu Rosana Pérez, o porto da Pobra foi un dos portos máis importantes de toda Europa en descarga de túnidos concentrando na comarca da Barbanza un elevado número de empresas conserveiras que proporcionan miles de postos de traballo e unha industria conserveira que é, precisamente, a destinataria fundamental dos túnidos conxelados que se descargan no porto.
Un porto, recalcou, de titularidade da Xunta que, segundo os propios datos de Portos de Galiza descargou no ano 2016, 120 Tn. de mercadorías (case exclusivamente túnidos conxelados) e no 2021, só 85.394. É dicir, “case 35.000 toneladas menos en 5 anos” polo que preguntou que medidas vai poñer en marcha para que o porto recupere o pulso perdido.
Pola súa parte, o director de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta coincidiu coa deputada do BNG nas dificultades da nova normativa e anunciou que as reunións continúan cos traballadores e Sanidade Exterior para avanzar na mellora deste ámbito.
Tras a intervención de Basanta que tamén coincidiu coa deputada do BNG na necesidade de dilatar o período para a aplicación da medida, a nacionalista pediu ao membro do goberno empezar a trazar alternativas para as descargas de túnidos no porto da Pobra ante o alarmante descenso de descargas de túnidos e produtos pesqueiros.
Rosana Pérez volveu a reclamar melloras nas instalacións do porto da Pobra para tamén mellorar a súa actividade e lembrou que a Xunta ten a súa titularidade.