Santiago de Compostela, 13 de outubro, 2023. A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, o deputado do BNG, Daniel Pérez cualificou de “pelotazo especulativo” a nova operación de venda das centrais que Sixth Street mercou ao grupo empresarial Villar Mir, operación, que en opinión do nacionalista repercutirá negativamente no futuro das fábricas de ferroaliaxes de Cee e Dumbría.
Na formulación da pregunta parlamentaria, o deputado explicou que o custe da compra das dúas centrais sitúase en 300 millóns de euros e cunha valoración de 170 M€; é dicir, dende 2019 hai un beneficio claro de 130 millóns de euros que non tivo repercusión na comarca nin nas fábricas, ao contrario, a realidade deste "pelotazo" é que - nas factorías hai “130 traballadores e traballadoras menos e os empregos na industria auxiliar practicamente desapareceron. Por outro lado, dos cinco fornos operativos en 2019, na actualidade só hai 1 en marcha e cunha produción mínima.
Daniel Pérez lembrou que o BNG levou ao Parlamento iniciativas alertando da situación de Xeal, antiga Ferroatlántica, un complexo industrial de dúas plantas (Cee e Dumbría) dedicadas á produción de ferroaliaxes ao que sumou dez centrais hidroeléctricas do río Xallas.
Este binomio fábricas-centrais hidroeléctricas, dixo, sufriu en varias ocasión con Villar Mir como máximo responsable, intentos para a súa segregación a pesar das cláusulas da concesión que “vinculan de xeito indisoluble a actividade industrial á explotación enerxética”.
A cambio de poder empregar os nosos ríos para xerar enerxía que abarate os costes de produción, os propietarios das fábricas de Cee e Dumbría están obrigados a manter a actividade produtiva e o emprego das fábricas. As cláusulas concesionais establecen que hai unha actividade principal, “a de produción de ferroaliaxes, que deber ser protexida e impulsada” pero as dinámicas empresariais, os riscos derivados de operacións especulativas dos grupos empresariais, así como a evolución dos mercados de produtos electrointensivos e o enerxético provocaron que para a parte mercantil, o que era actividade complementaria da principal se convertese “nun prato moi apetitoso”, e por iso no ano 2017 o grupo Villar Mir intentou “ás bravas” esa segregación.
Villar Mir relanzou a produción de ferrroaliacións, convertendo as plantas de Cee e Dumbría en punteiras no sector, por contar cun produto de gran calidade, elaborada por un cadro de persoal altamente cualificado e coa colaboración inestimable dun goberno galego que investiu cantidades millonarias no porto de Brens para permitir a chegada de barcos cargados de silicio e ferromanganeso destinado ás fábricas de Cee e Dumbría, e a saída por mar do produto xa elaborado.
Como lle pagou a empresa amiga ao goberno galego esas inversións millonarias nun porto que hoxe conta cunha actividade mínima? Vendendo o complexo a un fondo inversor americano, respondeu o deputado.
Dende a operación de compravenda as decisións da dirección foron sempre encamiñadas na baixada inxustificada da produción e da actividade dos fornos, reduciron postos de traballo nas subcontratas, que eran empresas locais, no cadro de persoal, non cubriron as xubilacións e as baixas, e mesmo denegaron pre-xubilacións para evitar contratacións novas.
Agora sabemos que “Sixth street vende as centrais que comprou a Villar Mir, unha nova operación que provoca unha grande incerteza para o futuro das fabricas de ferroaliaxes.
Tras a resposta do secretario Xeral de Emprego, Pablo Fernández, que informou ao deputado dunha futura reunión da Xunta co novo propietario para coñecer as súas previsións, o nacionalista insistiu en que o Goberno galego non pode limitarse a una mera xuntanza, “debe facer cumprir as cláusulas concesionais e garantir os postos de traballo e actividade industrial nunha comarca xa gravemente castigada despois de tantas operacións que só benefician a grandes empresas do sector enerxético”.