O BNG critica a mobilidade para cazar mentres gran parte da poboación galega asume fortes restricións de mobilidade e actividade económica

Luís Bará e Iria Carreira
Luís Bará e Iria Carreira
Luís Bará cualifica de “artimaña” o protocolo fisicovid da Secretaria xeral para o Deporte que permite a mobilidade nas actividades cinexéticas e lembra que este organismo  non ten competencias na materia

O BNG presenta diversas iniciativas no Parlamento galego ante a decisión da  Secretaria xeral para o Deporte que permite, a  través da aprobación do protocolo Fisicovid, a mobilidade para actividade cinexética non competitiva, a pesar  das fortes restricións  de  mobilidade para unha  grande parte da poboación galega.

O deputado do BNG, Luís Bará cualifica de feito grave utilizar a  “artimaña” do  protocolo Fisicovid  polo que a   Secretaria xeral para o  Deporte  permite a mobilidade na caza, a pesar de non contar  con competencias na materia. Neste sentido, Bará afirma  que a caza non é unha actividade competitiva nin deportiva e a súa regulación corresponde a Medio Ambiente.

Dende o BNG, recalca Bará, consideramos que mentres son asumidas  fortes restricións de mobilidade e actividade económica en todas as áreas urbanas de Galiza, a Federación de caza e cazadores contan cun “trato de favor” polo que reclamamos no Parlamento  que sexa revisada esta decisión e se actúe baixo “criterios de carácter sanitario e de loita contra os contaxios nunha situación de estrema gravidade”.

Bará sinala que a decisión da Secretaria xeral para o Deporte busca  “favorecer os intereses dun colectivo con moita capacidade de presión” e para  condicionar as decisións da Xunta de Galiza mesmo utilizan  subterfuxios como o protocolo da Secretaria xeral para o Deporte a través dun oficio asinado polo xefe provincial de Lugo que dende o BNG, remarca o nacionalista, entendemos non é competente.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG