BNG constata que a única opción para a candidatura galega é a impulsada por IxU

Quino-Vilas-1143x500Tras a xuntanza celebrada nesta mañá a proposta de Iniciativa pola Unión, o BNG constata que existen dous procesos en marcha e que hai forzas que non apostan pola confluencia nunha candidatura única galega. Á reunión asistiron forzas do Foro Político –Anova, Equo, Cerna e Marea.gal, e coa excepción de Podemos e Esquerda Unida- , as forzas que integran Iniciativa pola Unión – BNG, Partido Galeguista, Foga, Coalición Galega, Terra Galega e PCPG- e Compromiso por Galicia. Tras este encontro, o portavoz nacional, Xavier Vence, manifestou que “queda certificado que non hai vontade de confluencia por parte das forzas que participan no Foro Político polo que o BNG, xunto ás demais forzas políticas de Iniciativa pola Unión, vai seguir a folla de ruta para acadar unha candidatura en clave de país o máis ampla posible ”.

Na xuntanza, as forzas políticas que impulsan IxU manifestaron a súa disposición a poñer o contador a cero co obxectivo de acadar un acordo de mínimos para conformar a candidatura unitaria e de confluencia de cara a constituír un grupo parlamentar propio e soberano, que cumprise todos os requisitos do regulamento do Congreso, é dicir, non hipotecada pola sinatura da coalición por parte dunha forza estatal, o que abocaría aos deputados galegos a incorporarse ao grupo parlamentar desa forza estatal. A pesares desta oferta, Anova e as forzas do Foro Político rexeitaron esta opción, manifestando que o proceso iniciado por estas mesmas organizacións políticas no ano 2012 con AGE ten como prioridade unir a esquerda nacional coa esquerda española, como ocorreu nas municipais e que pretenden reproducir nas vindeiras eleccións estatais e autonómicas.

A xuntanza desta mañá foi, en palabras de Xavier Vence “o último cartucho” para constituír un “proxecto nacional que poida integrar todas as forzas e plataformas galegas”. O portavoz nacional do BNG asegura que se “formulou un proxecto político en clave de país coa ambición de ser a expresión da maioría social que quere contar cun grupo parlamentar propio e soberano, para defender os intereses de Galicia, mudar as políticas de recortes e impulsar a ruptura do actual marco constitucional para garantir o dereito a decidir das nacións”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG