O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, após a finalización dos traballos de dragaxe da Ría do Burgo, demanda ao Secretario de Estado de Medio Ambiente a implicación do Ministerio de Transición Ecolóxica para o mantemento das axudas aos marisqueiros e marisqueiras até que os bancos marisqueiros volvan a ser produtivos. A frente nacionalista mostra a súa satisfacción ante a vontade do Ministerio de continuar atendendo o colectivo afectado e pide “unha implicación clara” por parte do Goberno do Estado para, conxuntamente coa Xunta de Galiza, cubrir estas necesidades.
O proxecto de dragaxe da Ría do Burgo, contemplado no acordo de investidura conseguido polo BNG en 2020, finalizou este mes de abril coa recepción das obras. Neste sentido, a pesar de que as actuacións levadas a cabo permitirán unha maior actividade marisqueira, os bancos de marisco sementados tardarán case dous anos en seren produtivos. “Reclamamos ao Ministerio de Transición Ecolóxica que haxa esas axudas. Ten que haber unha posición por parte do Ministerio para que as dúas administracións competentes -Goberno e Xunta- se poñan de acordo para recuperar as axudas que hubo ao longo dos dois anos que durou a actuación de draga e da ría” subliña.
Unha vez recibida a obra e durante a formulación da pregunta do BNG, o Secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, sinalou que o Ministerio “está dacordo” coa proposta da frente nacionalista e mostrou a súa vontade para colaborar coa Xunta de Galiza e “cubrir as necesidades que se formulen: parece razoábel estabelecer un mecanismo de compromiso para o período posterior até que os bancos sexan produtivos”.
“Hai unha actuación que foi desenvolta polo Ministerio de Transición Ecolóxica e debe ser quen teña un papel activo para que as axudas cheguen. A Xunta tampouco se pode pór de perfil neste asunto -sendo a Administración coas competencias na actividade marisqueira- mais a Xunta non avanzará se o Ministerio non ten unha implicación clara” apunta o deputado do BNG no Congreso.
Após a resposta do Secretário de Estado de Medio Ambiente, a valoración do deputado do BNG é prudentemente positiva. “Conseguimos que o MITECO recoñecese a necesidades de manter as ajudas e o compromiso para estabelecer un marco de acordo xusto e suficiente coa Xunta da Galiza para non deixar desamparados os mariscadores e mariscadoras” sinala Néstor Rego.
Dragaxe, saneamento e rexeneración: na Ría do Burgo e nas Rías Galegas
“Había un orzamento para este proxecto dotado de 48 millóns de euros mais as actuacións e as axudas para a dragaxe da Ría do Burgo resultaron ser menores. Por iso, entendemos que o Ministerio pode atender as queixas que recolleu o BNG da veciñanza e o colectivo de mariscadores e mariscadoras” asevera Rego.
Faltan, segundo explica o deputado do BNG, completar a rexeneración, actuacións no entorno da Ría como completar o paseo, especialmente na zona do Paraíso e recuperar e rehabilitar o mobiliario que tivo que ser apartado para poder realizar as obras de dragaxe e mesmo plantar novas arbores que foron taladas.
Alén do máis, Néstor Rego convidou o Secretario de Estado a continuar avanzando na rexeneración das rías galegas porque “a Ría do Burgo non é a única que precisa de actuacións de dragaxe, saneamento e rexeneración”.