A deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas, defendeu hoxe no Parlamento Galego a petición dun informe do Consello de Contas respecto do proxecto Life Rexenera Limia en cuxo convenio participa a Xunta de Galiza “por mor da preocupación trasladada polos colectivos ecoloxistas, gandeiros e agricultores diante da contaminación da Limia e o aparente fracaso do Rexenera Limia, que ten recabado importantes recursos económicos sen parecer ter resultado nin cumprimento das esixencias. Debemos saber que se está facendo, canto custa e o seu resultado para impulsar novas propostas que axuden ao futuro da Limia conxugando a actividade agrogandeira e a restauración ambiental”.
Presas amosouse satisfeita por un paso “que debe ser o primeiro doutros para axudar a buscar consensos e solucións responsables que non se baseen nin na criminalización dos gandeiros ou do ecoloxismo nin no conformismo do Partido Popular respecto da xestión dos residuos, tamén urbanos. É o momento de facer propostas responsables, queremos que As Conchas este verán non volva estar contaminado e queremos que a zona sexa saneada para poder ter un modelo agrogandeiro sostibel e garante de futuro que sexa motor económico e de traballo”.
Recomendación aprobada:
Recomendación núm. 10 O Parlamento de Galiza recomenda ao Consello de Contas a elaboración dunha auditoría do destino dos recursos empregados no proxecto Life Rexenera Limia en cuxo convenio participa a Xunta de Galiza.