O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defendeu no Pleno do Congreso unha moción sobre o derrubamento do viaduto do Castro na A-6, que reclama unha inspección de todas infraestruturas similares, facer pública toda a información sobre a construción deste viaduto, investigar e depurar as responsabilidades que fosen necesarias se se detectase algún tipo de neglixencia e asegurar alternativas que garantan unha comunicación áxil e segura. A iniciativa sairá adiante após incorporar achegas de PSOE e PP, que se comprometeron a apoiala.
“As comunicacións viarias na Galiza sempre foron unha materia pendente para os distintos gobernos do Estado. As infraestruturas chegan tarde, con décadas de retraso en moitos casos” comeza a defensa o deputado do BNG. Mais, Rego destaca que, ademais desta situación, engádese unha nova: “encontramos obras deficientes que, só 20 anos despois da súa inauguración, colapsan”.
Rego lembra que o interpelou a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana no pleno do Congreso no pasado mes de xuño e que, na altura, a ministra se comprometeu a publicar toda a información recollida. “Mais, após máis de dous meses desta interpelación e tres meses do colapso do viaduto Castro, continúa o mutismo total do Ministerio: non houbo información sobre o estado da infraestrutura, as causas do derrubamento e, tampouco, sobre as posíbeis responsabilidades” afirma o deputado nacionalista.
As catros cuestións principais que demandaba a frente soberanista durante a interpelación á ministra foron plasmadas tamén na moción defendida no pleno do Congreso. Durante o debate, o deputado do BNG logrou o apoio necesario da cámara baixa para aprobar a proposta, após algunhas achegas dos grupos parlamentares de PSOE e PP.
No concreto, a organización nacionalista acada o apoio necesario para que o Goberno do Estado realice unha inspección de infraestruturas similares á do viaduto da Castro da A-6, así como face pública toda a información da que dispoña a Administración central sobre a construción deste tramo colapsado. Alén do máis, consegue que se realice unha investigación e “reclamar as responsabilidades pertinentes no caso de detectarse algún tipo de neglixencia na execución da construción, no proxecto construtivo” ou nas obras de emerxencia que se estaban a executar.
Por outra banda, Rego durante a súa intervención no pleno sinala que o peche desta vía de comunicación provocou “un verdadeiro colapso nas comunicacións entre a Galiza e o resto do Estado, sobre todo as comunicacións coa veciña comarca do Bierzo”. Neste sentido, o deputado nacionalista tamén obtén o apoio da cámara para que o executivo estatal estabeleza vías alternativas adecuadas que garantan unha comunicación áxil e segura mentres a A-6 permaneza fechada ao tráfico e axilice a reparación.