O BNG condena o novo caso de violencia machista en Biskaia e esixe melloras de protección ás vítimas

O BNG fai un chamamento a responsábeis políticos e sociedade en xeral para mostrar a intolerancia absoluta coa barbarie machistaMachismo-borben

Nunha semana dramática no Estado español, coñecemos hoxe a noticia de máis dúas mulleres asasinadas, nai e filla, a mans do seu home e xenro en Abadiño, Biskaia. Polas noticias que transcenderon deste caso, o agresor, de orixe galega, confesou o crime e a trama coa que tentou simular unha acción realizada por outras persoas.

Carraxe e impotencia ante outro asasinato machista

O BNG condena enerxicamente este novo asasinato que, en palabras de Goretti Sanmartín, membro da súa Executiva nacional, "produce unha fonda carraxe, ao tempo que impotencia". “É especialmente duro ter que escoitar os mesmos tópicos con que se quere desculpar o agresor ou facer ver que foi unha reacción casual, provocada por un estado de loucura transitoria, sobre todo cando son cargos institucionais os que aproveitan as posibilidades de intervir socialmente para restarlle importancia política a unha violencia estrutural que hai que combater todos os días", afirma a dirixente nacionalista.

Por outra parte, asegura Sanmartín, é preciso que poderes públicos e sociedade en xeral manifesten rotundamente a súa condena e que a loita contra a violencia machista sexa considerada un “asunto político prioritario e urxente”, tamén relacionado, de maneira estrutural, con outras medidas para eliminar a discriminación contra as mulleres e para promover a igualdade que constantemente se ven recortadas, cando non atacadas directamente, polas políticas do PP. "Esiximos vontade política a prol da igualdade. Queremos que se invistan recursos en coeducación. O PP ten nas súas mans unha táboa de medidas contra a violencia de xénero, rexistrada no Parlamento de Galiza ante a alarma de asasinadas no noso país durante o verán e estamos a agardar pola súa resposta. Querémola antes das próximas vacacións, porque sabemos que son períodos especialmente duros para as mulleres", reclama Sanmartín.

Máis medios para loitar contra a violencia de xénero

A sociedade consciente do perigo da violencia machista está farta de erros nos protocolos de actuación e, mesmo recentemente, o poder xudicial, após constatar que existen graves problemas que poñen en risco continuo a vida das mulleres, realizou recomendacións para mellorar a protección das vítimas de violencia de xénero. O BNG esixe que os poderes públicos combatan cos medios adecuados a violencia machista, que incrementen os recursos materiais e persoais na loita contra a violencia e que se activen todos os protocolos adecuados e que se dote de persoal un sistema que non pode basearse nunha aplicación informática.

Implicación dos medios de comunicación contra a violencia machista

Goretti Sanmartín considera tamén que "cómpre realizar campañas contra o silencio e a complicidade e extremar a precaución nas declaracións de responsábeis públicos á hora de desculpar/xustificar a violencia, mostrando un estrañamento sobre feitos que nos acompañan día a día. É imprescindíbel que se lancen mensaxes de intolerancia absoluta coa violencia de xénero e que non se xogue a alimentar o papel de vítimas ou de bos cidadáns dos agresores".

O BNG fai un chamamento a reaxir contra esta violencia e anuncia que continuará a demandar, en todas as instancias de que forma parte, unha aposta decidida por todas as políticas que conduzan a unha transformación social radical que consiga pór en cuestión as relacións de dominio e que combata o patriarcado.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG