BNG chama ao Goberno do Estado a rexeitar o novo Regulamento de Control de Pesca

Néstor Rego
Néstor Rego

A formación nacionalista propón que se apliquen medidas alternativas, dialogadas co sector, para evitar “a penúltima estocada á frota artesanal” que se verá obrigada á instalación de cámaras a bordo e a unha permanente xeolocalización aplicándoselle a mesma normativa que aos grandes buques industriais.

O deputado no Congreso alerta ademais que ao elevado custe que terá para a frota da Galiza o cumprimento do Regulamento agora súmaselle a nova ameaza pola supresión de todas as subvencións ás actividades pesqueiras, incluídas as axudas ao gasóleo.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra varias iniciativas na cámara baixa co obxectivo de protexer a frota pesqueira galega urxindo o Goberno do Estado a oporse ás medidas contempladas no Regulamento de Control da Pesca da Comisión Europea e adoptar medidas alternativas dialogadas co sector. A formación nacionalista censura a obrigatoriedade de instalar cámaras a bordo, imposición da xeolocalización e a obriga de levar un Diario Electrónico de Pesca, por seren aspectos claramente lesivos para os intereses da frota galega e o conxunto do sector no Estado.

A reforma do Regulamento 1224/2009 do Consello, do 20 de novembro de 2009, establece un réxime comunitario de control para garantir o cumprimento das normas da política pesqueira común. Esta aprobación, para a formación nacionalista, é “a penúltima estocada ao sector pesqueiro galego e, concretamente, á súa frota artesanal”. O regulamento era a única norma da Política Pesqueira Común (PPC) que estaba pendente de actualización e é un dos instrumentos centrais para permitir a vixilancia e a inspección das actividades pesqueiras nas augas comunitarias.

A modificación, que aínda non entra en vigor até o vindeiro ano, obriga, entre outras cuestións, a incluír cámaras a bordo dos barcos e impón a xeolocalización a buques de máis de catro metros, así como levar un Diario Electrónico de Pesca (DEA) a bordo para todos os barcos desas dimensións e notificar as súas capturas ao instante.

“A normativa volve ignorar por completo a realidade da frota galega e a súa singularidade, sen atender ao tamaño dos seus barcos, ás zonas onde habitualmente faenan, á duración das mareas, ao modo de faenar ou á operativa de venda do produto obtido” enfatiza o deputado do BNG. Galiza posúe preto de 4.000 barcos de artes menores, dos que a inmensa maioría son de menos de doce metros de eslora e que desenvolven a súa actividade maioritariamente a actividade dentro das rías do país. 

“É un despropósito que o único factor a ter en conta para encadrar a pesca en artesanal ou industrial sexan os metros de eslora, desatendendo novamente as peticións do sector pesqueiro galego que demanda incorporar tamén outros criterios como a distancia do caladoiro, a duración máxima das mareas, a utilización de artes de pesca sostibles ou o número máximo de tripulantes a bordo” apunta o deputado nacionalista. Este Regulamento é, para a formación do BNG, unha “nova norma que incide en presentar a todo un sector como sospeitoso permanente, como presunto delincuente habitual e como depredador dos propios recursos que lle dan sustento”.

A formación nacionalista reclama ao Goberno do Estado a posicionarse publicamente en contra da reforma do Regulamento de control da Pesca e mesmo que negocie unha maior dotación dos fondos europeos. En concreto, axudas dos FEMPA para atender a eventual obrigatoriedade dos mecanismos de control recollidos agora no Regulamento sen que se imputen a partidas destinadas a outras necesidades do sector nin, en ningún caso, ao propio sector. 

Critican a interferencia no sentido do voto da euro cámara

Alén do máis, a organización frentista recrimina o papel da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e de Pesca (DG MARE), organismo encargado de velar polos intereses da frota europea, ao tentar interferir no sentido do voto por medio dunha “nota aclaratoria” que criticaba a posición previa adoptada pola Comisión de Pesca e que trataba de endurecer aínda máis a normativa. “As decisións adoptadas na UE en materia de pesca supuxeron, de forma sistemática, non só a redución da frota e do número de empregos no sector, senón tamén a desaparición paulatina dun modelo propio de organización e funcionamento do sector en Galiza” asegura Rego.

Coa escusa de manter a actividade pesqueira e contribuír á sustentabilidade ambiental, económica e social das comunidades costeiras a longo prazo, a Política de Pesca Común “ignora precisamente a súa escasa incidencia ambiental e á súa gran importancia como xeradora de emprego nas poboacións costeiras das rexións altamente dependentes da pesca, como é o caso de Galiza”. 

Novas ameazas para o sector pesqueiro do país

Por outra banda, o deputado nacionalista alerta dun novo prexuízo para o sector da pesca na Galiza tras o anuncio da supresión de axudas ao gasóleo o que suporía duplicar o prezo do gasóleo para os buques. Esta medida afectaría en maior medida aos barcos e frotas máis pequenas da Galiza: “igual que a hiper regularización aplicada só beneficiou á gran pesca industrial e a terceiros países, esta medida contribuirá ao deterioro do noso sector pesqueiro e a ameaza a centos de postos de traballo no noso país”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG