BNG e CG coinciden na necesidade dunha candidatura galega para garantir unha Galiza con voz propia

Reunión de BNG e Coalición Galega (CG)Delegacións do Bloque Nacionalista Galego (Goretti Sanmartín e Néstor Rego) e de Coalición Galega (Fernando Alonso, Trinidad Docampo e Xavier Grandío) mantiveron unha reunión en que puxeron en común a visión de ambas as dúas formacións de cara á conformación dunha candidatura unitaria galega para as próximas eleccións xerais.

CG e BNG coinciden na necesidade de avanzar no proceso de conformación dunha candidatura de unidade que asegure unha forte representación de Galiza no Congreso dos Deputados cun grupo parlamentar propio, plenamente soberano e sen dependencias de ningunha forza estatal. Ambas as formacións consideran que este é un obxectivo fundamental nun momento en que é posíbel que se abra o debate sobre mudanzas políticas na estrutura do Estado e no que Galiza debe contar cunha representación que fale con voz propia e defenda os intereses do noso País. As dúas forzas confirman a súa aposta na construción deste instrumento político electoral, conscientes de que é absolutamente necesario no contexto actual e, ademais, é o que desexan amplos sectores da sociedade galega.

A candidatura debe ser ampla, plural e inclusiva e contar, por tanto, con todas as forzas políticas galegas que defenden o dereito do noso País a decidir por si propio en función dos seus intereses. Mais tamén debe incorporar un amplo abano de colectivos sociais, organizacións e persoas que traballan día a día por unha sociedade galega mellor e máis xusta e que partillan a convicción de que é imprescindíbel, desde a diversidade de ideoloxías e sensibilidades, a unidade detrás de obxectivos políticos básicos na liña dunha transformación democrática en que Galiza poda exercer os seus dereitos nacionais de forma soberana.

Partillan tamén as dúas formacións a necesidade de que a conformación desta candidatura se realice sobre un amplo proceso social de carácter participativo que, ademais de asegurar a inclusión de forzas políticas, preste especial atención á presenza de colectivos sociais e de persoas a título individual.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG