Olalla Rodil, viceportavoz do BNG, adiantou hoxe os temas que a formación nacionalista levará ao vindeiro Pleno da Cámara, entre os cales destacan a proposta de creación dunha empresa pública de enerxía promovida pola Xunta de Galiza, o voto favorable á ILP de SOS Sanidade Pública, a esixencia ao Goberno do PP de máis transparencia, a garantía do dereito á vivenda e o retroceso na normalización lingüística consecuencia das políticas dos Populares.
A viceportavoz parlamentaria adiantou a pregunta que Ana Pontón formulará ao presidente da Xunta versará sobre a necesidade de medidas a prol da transparencia “e o máximo rigor que deben presidir sempre a xestión dos asuntos públicos por parte de calquera goberno”, emprazou, en referencia “á rexeneración democrática que precisa Galiza”.
Ademais, o BNG levará unha pregunta urxente sobre os actos “espúreos” do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, tras coñecer o presunto delito contra a seguridade viaria polo que se lle imputa e as multas precedentes por exceso de velocidade que saíron á luz nos últimos días, xunto co uso nos casos sinalados dun coche oficial da propia deputación, así como da ocultación da axenda oficial que, supostamente, o levaba a Madrid o domingo 23 e o luns 24 de abril.
Un desenvolvemento eólico con participación pública
Rodil avanzou que o Bloque presentará dúas mocións centradas no desenvolvemento eólico de Galiza “que debe servir para poñer a enorme riqueza deste País ao servizo das galegas e galegos e tamén garantir a protección do medio, do territorio e da biodiversidade”, fronte un PP “sen propostas concretas, só fume e propaganda”, criticou.
Proposta que se concreta na participación directa da Xunta e dos concellos mediante unha empresa con maioría pública con funcións no ámbito da xeración, nas iniciativas a prol do autoconsumo, xeración distribuída e comunidades enerxéticas, na comercialización, na educación social nas boas prácticas consumidoras e na coordinación a xestión enerxética da administración pública, detallou a viceportavoz.
Así mesmo, esta empresa de maioría pública “colaborará nos proxectos de interese relacionados coa estratexia enerxética do goberno galego e xestionará as centrais hidroeléctricas a medida que rematen as concesións e se rescaten para o sistema público”, subliñou Rodil, que tamén puxo o foco na protección medioambiental que esta iniciativa procura coa habilitación “nun prazo máximo de tres meses da tramitación da ampliación da Rede Natura 2000” para protexer mediante esta figura “ao redor do 20% do territorio galego, para achegarnos á media europea e estatal”, determinou.
A sanidade pública protagoniza a ILP máis apoiada da historia da democracia en Galiza
A viceportavoz tamén avanzou que a formación nacionalista dará o seu voto favorable á ILP presentada pola Plataforma SOS Sanidade Pública, unha iniciativa que conta con 50.000 sinaturas “que representan milleiros de persoas en todo o País, é a ILP con máis apoio da historia da democracia en Galiza, o que demostra a importancia que as galegas e galegos dan á sanidade pública e tamén o clamor social fronte aos recortes, a falta de pediatras, a falta de persoal sanitario en xeral, o peche de consultorios e unhas condicións asistenciais e laborais insoportables”, valorou.
A sanidade pública tamén terá o protagonismo, declarou Rodil, dunha PNL que o BNG leva a Pleno para recuperar a xestión pública do servizo de ambulancias e con preguntas centradas na atención sanitaria do Barbanza e A Mariña.
Acceso á vivenda e garantía dos dereitos lingüísticos en Galiza
Olalla Rodil tamén sinalou que o Bloque fará dúas interpelacións ao Goberno do PP sobre, por unha banda, “o dereito a vivenda e o nefasto resultado que deixan 14 anos de Goberno do PP nesta materia” e, doutra, os dereitos lingüísticos no País “diante duns datos de coñecemento e uso da lingua propia de Galiza que demostran as nefastas consecuencias da política lingüicida do Partido Popular”, concluíu.