O Bloque Nacionalista Galego e o Bloco de Esquerda celebran en Porto este luns 19 de abril o segundo cumio galego-portugués que da continuidade ao convocado en Vigo o 14 de decembro, no que se abordaron cuestións clave para os intereses de ambos territorios.
Con esta segunda cita, ambas formacións reforzan a súa alianza estratéxica en defensa dos intereses comúns de Galiza e Portugal en particular en relación ás infraestruturas ferroviarias, -coa saída sur de Vigo ou o Corredor atlántico de mercadorías como cuestións prioritarias-, pero tamén en materia de mobilidade transfronteiriza ou na colaboración no ámbito cultural e lingüístico.
As dúas forzas políticas están en sintonía no obxectivo de modernizar a conexión por tren entre Vigo e Porto, de tal xeito que un traxecto que hoxe leva máis de dúas horas pase a ser de 55 minutos. E tamén en impulsar a execución do Corredor Atlántico integrado na Rede Transeuropea de Transportes (RTE-T).
O encontro será de novo ao máximo nivel de representación, de tal xeito que a delegación do BNG estará liderada pola portavoz nacional, Ana Pontón, e a do Bloco pola coordinadora nacional, Catarina Martíns.
Ambas presidirán unha xornada de traballo na que van participar na parte galega a portavoz parlamentaria en Bruxelas, Ana Miranda, o deputado no Congreso, Nestor Rego, o deputado provincial responsable de asuntos transfronteirizos Uxío Benítez, a deputada e portavoz de Ordenación do Territorio, Alexandra Fernández; a deputada e portavoz de Comercio, Carmela González e polo deputado e portavoz de Infraestruturas Luís Bará.
Na parte lusa, ademais de Martíns, estará a deputada á Assembleia da República e integrante da Comissao de Economía e Obras Públicas, Isabel Pires; o deputado e presidente da Comissao de Ambiente, Energia e Ordenamento do Territorio, José María Cardoso; e José Soeiro, deputado e membro da Comissao de Trabalho e Segurança Social e tamén deputada Alexandra Vieira.
O encontro vai afianzar a cooperación entre ambas organización dentro dunha alianza pensada para influír ante os gobernos galego, español, portugués e ante a Unión Europea de cara a defender proxectos fundamentais para ambos territorios, principalmente no ámbito das infraestruturas. O BNG conta con 19 escanos no Parlamento de Galiza, e o Bloco de Esquerdas con outros tantos representantes na Assembleia da República de Portugal.