O BNG-Asembleas Abertas propón unha campaña alternativa sen créditos e sen gasto público de mailing

Bieito Lobeira, coordinador campaña municipais 24M

Bieito Lobeira, coordinador campaña municipais 24M

Bieito Lobeira, coordinador campaña municipais 24M

BNG-Asembleas Abertas despregará unha campaña “modesta” no gasto pero “imaxinativa” nas eleccións municipais do 24M, que terá como principal activo o traballo e o esforzo da militancia e dos simpatizantes, apostando por actos de proximidade en charlas coloquio para escoitar á cidadanía en cada parroquia e en cada barrio.

“Será unha campaña distinta a das forzas políticas do sistema”, explicaba Bieito Lobeira secretario de Organización e coordinador da campaña, “será unha campaña do cara a cara, do boca a boca, do porta a porta, falando asociación por asociación, colectivo por colectivo, pretendemos chegar a cada veciño e veciña do noso país, en cada parroquia, concello, vila e barrio de cada cidade, trasladarlle as nosas alternativas pero tamén escoitar as propostas das persoas as que nos diriximos”.

A aposta por estar “cos tempos difíciles” se concreta en dúas medidas concretas: O Bloque non pedirá créditos bancarios de ningún tipo para financiar a campaña e renuncia ao envío masivo de papeletas por correo por hixiene democrática e por aforro de recursos públicos.

“Consideramos que o máis democrático é que cada elector e electora colla directamente o seu voto no colexio electoral e o deposite na urna”, argumentou e, por outro lado, renunciar ao mailing “supón case 2 millóns de euros de aforro en Galiza e só tendo en conta as forzas con representación parlamentaria”, explicou o coordinador de campaña.

“Estamos convencidos de que á maioría dos galegos e galegas se lles ocorre un uso máis útil para eses cartos públicos, sanidade, pagamento de medicamento ou calquera outra finalidade social tendo en conta os tempos duros que estamos a vivir”, argumentou Lobeira, quen emprazou aos outras organización políticas a facer o mesmo “para predicar co exemplo recortando un gasto prescindible e por limpeza democrática”.

Recursos propioS

Lobeira fixo fincapé en que a campaña se financiará “exclusivamente cos nosos propios recursos, sen dependencia de ningunha entidade bancaria, empresa ou lobbie”, salientou. Neste sentido, ademais da cota ordinaria e como é habitual nas citas electorais, o BNG solicitará unha achega “extraordinaria e voluntaria” de 10 euros durante seis meses.

Os activos do BNG-Asembleas Abertas na cita electoral do 24M, enumerou Lobeira, son un proxecto político “nacionalista, popular e solvente, imprescindible para superar a lousa das políticas do PP”, candidaturas conformadas por xente “honesta que ten demostrado que da a cara e tamén con experiencia de goberno referente incluso a nivel internacional”, e unha militancia e participantes nas asembleas abertas dispostos a defender un proxecto de país tamén desde os concellos.

Pactos

En relación ao escenario postelectoral, Lobeira explicou que o Bloque aspira a liderar a alternativa nunha maioría de municipios pero que, en calquera caso, estudará programa en man as opcións posibles co obxectivo de “desaloxar” ao PP, sabendo que o PSOE ten sido “colaborador necesario” á hora de executar políticas de recorte e empobrecemento.

En calquera caso, o BNG descarta un pacto a nivel nacional e considera que hai que esperar a que os galegos e as galegas “falen” nas urnas o 24 de maio.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG