BNG apostará por superar o déficit histórico do investimento na comarca de Valdeorras

Néstor Rego
Néstor Rego

A frente nacionalista rexistra emendas aos Orzamentos do Estado para 2023 para mellorar a seguranza viaria na N-120 e a A-76 e garantir o saneamento dos ríos para devolver a calidade da auga

Rego defenderá a reapertura e mellora das estacións ferroviarias da Rúa e O Barco de Valdeorras para prestar un servizo fundamental para a cidadanía da comarca

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presenta as emendas rexistradas nos Orzamentos do Estado para 2023 para a comarca de Valdeorras estabelecendo como prioritario a mellora das infraestruturas, sobre todo ferroviarias a través do Corredor Noroeste ou a reapertura das estacións da Rúa e O Barco, e o saneamento dos ríos Casoio e Sil. Así mesmo, a organización nacionalista defenderá o aumento das pensións mínimas, tan importantes en Ourense, co obxectivo de superar a fenda de xénero e a territorial, así como elevar o gasto social en detrimento do gasto militar, tal e como pretende o goberno de coalición de PSOE e UP.

Mentres que o investimento territorializado na Galiza se estanca, o Goberno do Estado prevé unha suba media de 2% no resto de territorios. Neste sentido, a organización nacionalista estima insuficiente prognostica que os 1.077 millóns de euros destinados para o País “non axudarán a superar o déficit histórico que atravesa” e critica que todos os Goberno do Estado, tanto os do PSOE como os de PP, dan as costas á Galiza.

“Esta discriminación podémola observar na comarca de Valdeorras onde o proxecto de Orzamentos deixan sen resolver problemas que arrastran desde hai anos” apunta o deputado do BNG no Congreso. Este é o caso da remodelación do enlace que conecta a vila da Rúa coa N-120, sendo unha obra que aparecía no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado durante varios anos consecutivos.

Daquela, explica a portavoz do BNG no Concello da Rúa e deputada no Parlamento de Galiza, María G. Albert, gobernaba no Estado o Partido Popular “mais nunca executou nin unha soa partida”. Por iso, a organización nacionalista anuncia o rexistro dunha emenda para “solucionar o mal estado do acceso a N-120 desde A Rúa”.

“Tamén rexistramos unha emenda para a rehabilitación estrutural do firme e a mellora da seguranza viaria da N-120 entre a fronteira con Castela e León e Ourense. Esta estrada, a día de hoxe, constitúe a principal vía de comunicación para a comarca de Valdeorras e que permite conectar con Ourense” anuncia o deputado no Congreso. Rego sinala que esta actuación favorecerá a comunicación para a meirande parte da cidadanía da comarca, así como outros concellos de Lugo e Ourense.

E, se falamos de futuro, explicou, a organización nacionalista aposta por vertebrar o territorio e atraer a nova industria a través da A-76. “É unha necesidade para a comarca de Valdeorras que se execute o tramo entre A Veiga de Cascallá e O Barco de Valdeorras, de case nove quilómetros, e levar a cabo a circunvalación de Monforte de Lemos Este-Babela” destaca o deputado nacionalista.

“Presentamos emendas para que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil desenvolva o proxecto de saneamento do regato Pereanes e dos ríos Sil e Casoio” salienta. O deputado da frente explica que, sobre todo, o afluente do Miño está altamente contaminado polos residuos das canteiras de lousa. “É preciso un plan integral de saneamento que devolva ás augas do río a calidade que nunca deberon de perder” enfatiza.

Alén do máis, o proxecto de orzamentos só reserva unha partida para a UNED de Ourense “mais non existe ningunha específica para a renovación e modernización da aula universitaria localizada na vila da Rúa” polo que a frente nacionalista rexistra unha partida con este fin.

Infraestruturas e servizos ferroviarios para Valdeorras

“ADIF anunciou un plan plurianual de mellora do tramo do Corredor Noroeste entre Ourense e Monforte por un total de 28 millóns de € aínda que para este ano só prevé algo menos de 9 millóns” sinala Rego. Para o deputado, este investimento non soluciona os principais problemas desta liña xa que, pola súa orografía e estruturación, non permite velocidades apropiadas en moitos tramos e provoca que os trens vaian máis lentos até facelos inviábeis como medio de transporte colectivo habitual. “É necesario un investimento decidido para garantir que os trens poidan atinxir velocidades que os fagan competitivos que presten un servizo adecuado e de calidade” reclama.

Así mesmo, o BNG demanda neste proxecto de orzamentos a dotación de persoal e a realización de melloras en mobiliario e servizos nas estacións de ferrocarril da Rúa e do Barco de Valdeorras. “Exiximos a reapertura dos apeadoiros para prestar o servizo, de maneira habitual, á cidadanía da comarca de Valdeorras” finda o deputado.

Aposta pola política social e incremento do gasto na materia

“Ourense é o territorio que posúe pensión media máis baixa do Estado, que se sitúa en 60% da máis alta. É dicir, sitúase en 700 menos que a media máis alta. Subir as pensións mínimas axudaría a reducir, por unha banda, a fenda de xénero e, por outra, a fenda territorial” demanda Rego.

A frente nacionalista exixirá ao Goberno do Estado que exista un desenvolvemento de políticas sociais que permitan paliar a situación xerada pola crise social e económica e a perda de poder adquisitivo. Por este motivo, Rego demanda renunciar o incremento do gasto militar -que cualifica como “aberrante”- e destinar o incremento de máis de 3.000 millóns a axudar as clases populares.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG