Tras a comparecencia do Presidente da Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA), Javier Domínguez Lino para informar do transporte de residuos do complexo medioambiental de Cerceda e a folga dos traballadores da empresa de Transportes Pacholo, a deputada do BNG, Montse Prado trasladou o seu apoio e o do BNG ás demandas dos traballadores e traballadoras concentrados nas inmediacións do Parlamento galego coincidindo coa intervención en comisión do titular de SOGAMA.
A parlamentaria nacionalista lembrou que o colectivo de traballadores en folga rexistraron no mes de abril unha solicitude para reunirse coa dirección de SOGAMA e abordar o conflito e a propia portavoz nacional do BNG, Ana Pontón remitiu unha carta ao Presidente da sociedade nesta mesma liña no mes de maio, pero a convocatoria para esa reunión, afirmou Prado “a día de hoxe non tivo lugar”. A nacionalista criticou que Sogama decline reunirse cos traballadores e ao tempo manteña xuntanzas coa parte empresarial dneunciada.
Os traballadores e traballadoras do transporte de SOGAMA, explicou, denunciaron “graves deficiencias” e acusacións de “delito de estafa, delito contra o medio ambiente, contra a saúde pública e contra a seguridade vial”. Prado tamén aludiu á falta de medias de prevención de vertidos lixiviados, e ausencia de instalacións nos centros de traballo para seu tratamento o que provoca “contaminación dos cauces e terreos do territorio galego”.
A parlamentaria tamén trasladou a denuncia dos traballadores sobre a sobrecarga dos camións en máis dun 20% que “aumenta os beneficios das empresas” pero tamén o risco de accidentes polo que estaríamos, dixo ante “delitos de estafa e contra a seguridade vial”.
Prado reiterou que o conflito laboral “non é exclusivamente económico”, está centrado na prestación do servizo da subcontratada “Transportes Pacholo S.L”, subcontratación que ten como obxectivo abaratar os custes na protección individual e colectiva, circunstancias, que na súa opinión, afectan ás condicións medioambientais, saúde laboral e pública. Todas estas deficiencias e o despido de oito traballadores desencadearon unha convocatoria de folga indefinida.
Vostedes, dixo a deputada “cargan contra os traballadores que denuncian pero os cartos públicos que pagan este servizo, non poden pagar a explotación laboral e o acoso”, polo que pediu ao Presidente de SOGAMA que poña en práctica o diálogo ao que se referiu na súa intervención e escoite as demandas dos traballadores. Unha empresa pública, recalcou Prado, “non pode poñerse de perfil”, rectifique e non sega ao lado da empresa porque estamos ante denuncias moi graves, concluíu.