BNG apoia a demanda da CIG TIC para crear un convenio de ámbito galego

Encontro BNG - CIG TIC
Encontro BNG - CIG TIC

Rego avanza o rexistro de iniciativas no Congreso para conseguir un marco propio que se adecúe á realidade galega

Espinosa reclama englobar a todas as empresas do sector das TIC no convenio galego para homoxeneizar o marco lexislativo para mellorar as condicións da clase traballadora e das empresas do País

BNG anuncia o rexistro de iniciativas no Congreso para apoiar as demandas emanadas do sector das TIC na Galiza para que se poida estabelecer un convenio de ámbito galego. Após manter unha reunión con representantes da CIG, sindicato maioritario no sector, a organización nacionalista comprométese a traballar para que se poida adaptar o convenio das Tecnoloxías da Información e Comunicación á realidade galega.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e os deputados do Parlamento de Galiza, Mon Fernández e Daniel Pérez, manteñen unha xuntanza con representantes sindicais da CIG TIC para coñecer de primeira man os problemas que atravesa o sector. A organización nacionalista comprométese a traballar desde o ámbito institucional para que os gobernos, estatal e galego, contribúan para conseguir un marco regulatorio concreto e axeitado á realidade da Galiza “que loite contra a fuga de capital humano e que sexa tamén capaz de atraer talento”.

Rego, pola súa banda, anuncia o rexistro dunha iniciativa no Congreso en apoio a reclamación da representación sindical dos traballadores e traballadoras do sector TIC na Galiza para que poida existir un convenio de ámbito galego, o que se ve ademais imposibilitado posto que se mantén a prevalencia dos convenios de ámbito estatal ao non ter sido derrogada integramente a Reforma Laboral, tal e como segue reclamando o BNG, para recuperar todos os dereitos perdidos nos últimos anos pola clase traballadora.

“O convenio de ámbito estatal non se adecúa á realidade galega xa que estamos a falar dun mega sector máis xenérico que inclúe consultaría” enfatiza Rego. Por este motivo, o deputado do BNG no Congreso anuncia o rexistro dunha iniciativa para que o sector “poida ter un convenio propio” tal e como reclama a organización sindical nacionalista, maioritaria nas TIC na Galiza.

De facto, en datos numéricos, Galiza é o terceiro territorio con maior número de traballadores e traballadoras e de empresas do sector das Tecnoloxías da Información e Comunicación “e crecendo exponencialmente”. Para o deputado do BNG, parece lóxico que haxa unha homoxeneización das condicións de traballo deste sector “e, polo tanto, que  se faga por medio dun convenio galego”.

“A competitividade das TIC na Galiza está a verse prexudicada pola falta dun marco axeitado, sobre todo coa irrupción do teletraballo e as novas formas de traballo a distancia posto que a clase traballadora bota en falta que se aclaren aspectos como as gardas, a formación, etc.” explica o deputado nacionalista.

Pola súa banda, o delegado sindical da CIG TIC, Alexandre Espinosa, explicou que a central sindical nacionalista está tendo reunións cos diversos grupos parlamentarios. “A primeira foi esta reunión co grupo parlamentario do BNG e co BNG Congreso basicamente para presentar a problemática da actual negociación do convenio de Consultarías estatal, que non é satisfactorio para o sector, non regula o sector do xeito que está funcionando actualmente e que cun IPC galopante como hai e cun custe da vida como hai, a patronal se nega a negociar con nós” explica.

“Isto refórzanos na busca dun convenio TIC galego que foi o que lle presentamos basicamente ao grupo parlamentar: a nosa proposta dun convenio TIC galego que inclúa as TIC de verdade, non só ás empresas de Consultaría, senón a todas as TIC, que teñen un marco lexislativo heteroxéneo e queremos centralizalo e cremos que é bo a clase traballadora galega e para as empresas deste País” subliña Espinosa.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG