O BNG anuncia novas inciativas no Parlamento contra os crimes franquistas

Ana Pontón, Inés Gracía Holgado e Ana Miranda

A deputada do BNG, Ana Pontón acompañada da representante do BNG en Europa, Ana Miranda, Iago Lestegas, membro de Galiza Nova e Ernesto Vázquez-Rei, Membro do Padroado da Fundación “Alexandre Bóveda”, amosaron hoxe o seu apoio á querela contra os crimes franquistas impulsada pola avogada arxentina Inés García Holgado

Ernesto Váquez-Rei,Ana Pontón, Inés García, Ana Miranda e Iago Lestegas

Na comparecencia ante os medios de comunicación, a deputada nacionalista Ana Pontón anunciou a presentación de novas iniciativas contra os crimes do franquismo no Parlamento galego, compromiso que tamén adquiriu a representante do BNG en Bruxelas, Ana Miranda para impulsar este debate na Cámara europea.

A avogada, Inés García Holgado, primeira querelante en Arxentina contra crimes do franquismo, mostrou a súa satisfacción ante o traballo realizado polo BNG nas Cámaras onte ten representación e cualificou de “excelentes propostas” as iniciativas nacionalistas neste ámbito. Tras agradecer ao BNG o seu interese e implicación na denuncia de crimes franquistas así como o apoio á querela presentada en Arxentina, asegurou manter a “esperanza” e lembrou que a orde ditada pola xustiza arxentina terá efecto no momento en que as persoas imputadas sexan detidas pola Interpol ao traspasar as fronteiras españolas.

Investigar os crimes franquistas, dereito á verdade

Para a parlamentaria do BNG, a situación antidemocrática e de vulneración dos dereitos humanos e incumprimento das resolucións da ONU, fan urxente “investigar os crimes do franquismo” e que o Estado español non negue o “dereito á verdade e a reparación”. Hoxe, dixo, temos que lamentar que o Goberno español impida investigar os crimes e mesmo, o actual ministro de Xustiza se declare “en rebeldía contra a xustiza internacional” ao denegar as peticións xudiciais arxentinas. Este proceder, recalcou, a nacionalista é outra mostra “dun Goberno que non respecta os dereitos fundamentais e ampara os crimes contra a humanidade”.

Ana Pontón, Inés Gracía Holgado e Ana Miranda

Pontón asegurou que o Partido popular en Galiza debe demostrar que está favor de condenar os crimes do franquismo posibilitando a súa investigación porque no caso contrario,dixo, estaríamos ante “unha fraude” e pisoteando os dereitos das vítimas.

A preguntas dos xornalistas sobre a negativa do Goberno central a tramitar a detencións dos 20 imputados, Pontón respondeu que as declaracións do Ministro de Xustiza, Rafael Alcalá encádranse no “Pacto político da Transición” e denunciou os argumentos para non cambiar a Lei de Amnistía de 1977.

O BNG leva a Europa a denuncia dos crimes franquistas

Pola súa parte, Ana Miranda lamentou o “incumprimento e rebeldía” do Goberno español á respecto da petición de Arxentina e reclamou a “reparación” da memoria das vítimas. Miranda censurou que en Europa exista un Estado que non condenou a ditadura e o franquismo polo que reiterou a súa intención de denuncialo en Bruxelas e acusar ao Estado español de incumprir o Dereito Internacional.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG