O BNG anima a cidadanía a encher as rúas de Santiago na manifestación convocada por Queremos Galego!

Xavier Vence, portavoz nacional, e Marcos Maceiras, portavoz de Queremos Galego

Xavier Vence, portavoz nacional, e Marcos Maceiras, portavoz de Queremos Galego

O BNG amosa o seu total apoio á manifestación a favor da lingua que ten convocada para este domingo 8 de febreiro en Compostela a plataforma Queremos Galego, baixo o lema Polas fillas dos nosos fillos, Queremos Galego! Fai un chamamento a toda a cidadanía para que participe, con independencia da súa “cor ideolóxica”, pero co obxectivo común de evitar que o idioma do país “esmoreza” coa perda diaria de falantes.

Tras un encontro co responsable da plataforma e tamén presidente da Mesa pola normalización lingüística (MPNL), Marcos Maceiras, o portavoz nacional, Xavier Vence, salientou que trinta anos de autogoberno non evitou que o galego retroceda tanto nas institucións, como na sociedade, nun proceso que se agudiza coa política “lingüicida” do PP desde a Xunta.

Neste sentido, lembrou que Feijóo “chegou ao goberno da Xunta en 2009 upado por unha campaña ignominiosa en base imposición do galego e, desde entón, afondou no desprestixio, no abandono e na exclusión da lingua do país”.

Entre as evidencias deste desleixo cando non agresión ao idioma propio, Vence citou a redución das axudas públicas para a promoción do galego, -cun recorte do 70% desde que Feijóo ocupa San Caetano-, e o polémico decreto do plurilingüismo que limita o uso do galego no ensino.

“A miña filla estuda nun instituto de Santiago e recibe a maior parte do ensino en español, en particular de todas as materias troncais”, denuncia o portavoz nacional, deixando o galego reducido a un mínimo de materias de menor peso e prestixio curricular. O idioma non só perde posicións no ensino, tamén nas institucións, na xustiza ou no comercio, advertiu.

O Bloque levará como compromiso electoral nos comicios municipais impulsar o uso do idioma en todos os concellos do país, como xa está a facer agora onde goberna, convertendo o galego na lingua de uso na institución e nas relacións con terceiros.

Vence cualificou de “nefasta” a xestión do aínda conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, ao que definiu como “ariete” das políticas de Feijóo contra a lingua, aínda que subliñou que non se trata dun “problema persoal” senón da estratexia política da Xunta ante o idioma. Nese sentido, o cambio dun conselleiro por outro nome será irrelevante.

Pola súa parte, Maceiras salientou que a manifestación do domingo “é unha boa oportunidade para empezar a recompoñer a desfeita deste Goberno e demostrar que o galego non é unha lingua a tempo parcial”, ao tempo que facía “un chamamento” a todas as formacións políticas e ao conxunto da sociedade para “recuperar” o galego.

Unha forma de empezar esa recuperación, recalcou, “é que se cumpra toda a normativa e a lexislación aprobada”, empezando polo Plan Xeral de Normalización Lingüística, e “abandonar a axenda oculta” que ignora sistematicamente o seu cumprimento, demandou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG